31.7.12

Gunnar Huttunen, un muiñeiro cun costume raro para os seus veciños da Laponia: gustáballe ouvear polas noites ata o punto de poñelos histéricos.

Porén, a súa intención é simplemente expresar a súa tristeza ou felicidade. Polo demais un home normal e traballador que por ser diferente é marxinado e marcado polos mandamais do lugar. O médico non para ata certificar que está tolo e que deben encerralo nun manicomio do cal consegue fuxir para voltar ao seu muíño a carón do rio Kemi.

Tan só a asesora agrícola, da cal acaba namorando, será quen de ver ao ser doce que se agocha tras o gran Gunnar. Si, parece a historia de amor da princesiña fermosa e a besta.
Os demais perségueno día e noite polo monte, como se fose un animal, mesmo chaman ao exército.

A lectura desta novela de 269 páxinas de Arto Paasilinna levaravos a reflexionar sobre un tema moi delicado: que é ser raros ou diferentes? Acaso non o somos cada un de nós a nosa maneira?  Eu penso que si. Pero resulta un pouco incómodo todo o que sexa diferente e enriquecedor cando os esforzos da nosa sociedade se encamiñan cara a igualación e globalizacíon. E non pensemos nunha sociedade xusto despois da 2ª Guerra Mundial atrevéndote a desafiar ás autoridades uo a despuntar porriba deles, como fixo o noso heroe.

Un pouco volvemos cara atrás e as clases dirixentes loitan por ter cada vez máis poder grazas a quitárllelo ao pobo, a marxinalo. Quizais nós tamén estamos tolos por crernos libres, diferentes, unha cor máis que pinta o mundo... e se non o estamos queren facernolo estar... o mesmiño que a Gunnar... mais o noso heroe consegue a liberdade e vingarse dos seus perseguidores. E nós? Conseguiremos a nosa liberdade outra vez?
do blog do libro
Moitas persoas me recomendaron este libro e de verdade que acertaron de cheo. Facía tempo que non gozaba coa lectura desta maneira. 
A autora transmite con palabras concisas os sentimentos que anegan a cada un dos protagonistas. Os trazos sensoriais da súa prosa permítennos gozar das cores e sons de Tetuán, Madrid, Lisboa e cada un dos lugares ou escenarios polos que se moven os protagonistas.
Houbo momentos nos que me parecía estar vendo unha serie e paraba para comer e estaba pensando que tiña que ver como seguía. Nin a TV consegue isto a maior parte das veces.

Un exemplo de superación da muller nunha sociedade machista e convulsa na que había que andar con pes de la para saber cal era o mellor aliado, primeiro na Gerra Civil española e logo na Segunda Guerra Mundial, épocas históricas que enmarcan o días a día dunha Sira, núa e desprotexida nos primeiros capítulos, mais forte, rexa, madura e segura cara o remate.

Novela tamén de desenganos amorosos e feridas que a protagonista só poderá curar con puntadas miúdas para facer un zurcido que o paso do tempo se encargará de pulir para convertela nunha muller refinada que pasa a ser unha modista de alta costura e espía británica.

Só lle poría unha pega, que remata. Non me improtaría nada seguir lendo outras 600 páxinas.

30.7.12

LAGAR ROMASANTA

Neste verán apático no que non hai clases de baile, no que non hai vacacións coas rapazas, no que non hai viños en Ourense... parece como se a miña dorna ficara lonxe da quentura da area da praia da Lanzada ou de Areas e devecendo polos aloumiños de cada vaga que vén e vai arrolandome. 

Quedei varada en tardes longas de lecturas dispares que chegan ás miñas mans e sen un norte claro. Aínda que gozo con cada liña que me permiten viaxar polas rúas de Barcelona, con Ruíz Zafón; por Marrocos, con “Tiempo entre costuras” ou polos montes dos países nórdicos con “O muiñeiro ouveador” faltame actividade, as risas cos rapaces e as carreiras para riba e para abaixo no centro. 

Porén hoxe rachouse esa monotonía e achegueime ao bacelo de meu pai. Coma cada verán son a encargada de mudarlles ás cepas o traxe de inverno para deixalas a escarrola, máis lixeiras e atrevidas, ensinando cada vago coquetamente para que o sol morno das tardes de verán vaian dourando pouco a pouco a súa pel. Nas abas do monte de Penacova fican estantías as cepas do bacelo de Lagar Romasanta, ben á raxeira, doentes de calor, mais tamén dunhas pingas refrescantes que enchan de zugo e engorden os acios que este ano naceron tarde por falta auga. Están aí quietiñas, en ringleiras, ordenadiñas e mirando de enxergo cara a vila de Allariz.


4.7.12

Aprende _ Aid

 Aid, unha vez máis coa cultura galega rapea a Rosalía, "A xustiza pola man". Vede Sermos Galiza

Lecturas

Algunhas das valoracións que o alumnado do IES de Mos fixo sobre algún dos libros que se leron car afinal deste curso que vén de rematar.