28.3.17

SS EE

O alumnado de BAC, despois de dúas semanas de ver vídeos e buscar os porqués da situación de Galicia e do galego durante este período, elaborou  un xogo de preguntas nos que se puxeron a proba os coñecementos sobre os SS EE. Para iso levaron tiveron que traballar en pequenos grupos e chegar a consensos para elixir as preguntas que mellor acaían á categoría que lles tocou traballar. Despois dunha competición por equipos demostraron a súa pericia e de forma individual deixaron estas nubes nas que reflexan os termos que para eles e elas van asociados a estes anos da nosa historia.


9.3.17

RESISTENCIA, ROSA ANEIROS

A moitos dos estudantes non lles gustou nada o suspense do final de Resistencia, e eu propúxenlles, xa que logo, que eles se meteran na pel de Rosa Aneiros e crearan os eu propio final para  a novela.

A alumna de Bacharelato A, Lara Camiña, conseguiu reproducir a esencia da escrita de Aneiros e encheu de sentimento e poesía o seu final. Convídovos a que leades se vos gustou a obra.

Noraboa e grazas polo traballo.

<<Agárdame, Filipa, agárdame. Eu agardareite sempre.>>
Non deixou de pisar o acelerador até chegar a San Pedro de Moel. O seu corazón batía con forza; semellaba ter unha manda de cabalos no seu peito, impacientes, dando couces, por saír do seu recrutamento cara un verde prado. Os nervios fixérona presa do medo e da ledicia á vez. Primeiro, medo polo que podería atopar ó chegar. Aceptaríaa? Recoñeceríaa Dinís despois de tanto tempo? Os anos non pasaran en balde: tiña a pel morena e curtida polo sol abrasador do Brasil, canas incipientes no seu longo cabelo, o seu corpo máis deteriorado do que Dinís puidera apreciar a derradeira vez que se viran e consumaran o seu doce e intenso amor, e a madurez que os paus da vida lle fixeran ter. Mais nese momento sentíase como a pequena que unha vez se namorara inocente, pero sensatamente dun mozo maior ca ela, pero cos mesmos ideais sobre o amor. Primeiro, temor; despous, a ledicia producida polo inesperado dos acontecementos. Tanto tempo pensando que o seu fiel amante falecera de tristura no cárcere de Peniche… Tanto amor para dar…
Por fin chegou a aquel pobo costeiro que tanta alegría lle proporcionara, que fora a súa única razón de vivir durante tantos anos, que a vira crecer, que a vira facerse muller, que a vira namorarse como hoxe en día xa non se fai. Estacionou o coche e, o primeiro lugar ó que decidiu ir, foi á casa da súa avoa Dona Leonor. Cantos recordos... Cantos momentos…
Cando espertou da súa fantasía, caeu na conta de que non sabía se Dinís seguía naquela pequena vila agora que era un home recoñecido en todo Portugal, e de ser así onde andaría. Sería o dono dalgunha das impoñentes novas casas brancas que rompían coa monotonía do vila mariñeira ou seguiría no fogar humilde de Isaura? Comezou a dubidar se fora unha boa idea voltar ó pasado, mais o desexo de volver a amar fervíalle por dentro coma lume infernal. Correu polas estreitas rúas, cruzou a praza e, por fin, divisou o cantil no que adoitaba encontrarse Dinís coa súa cana, pasando o tempo mirando ó infinito do horizonte.
Divisou unha figura alta e forte dende lonxe, e o seu corazón acelerouse máis se cabe. Estaba segura de que era Dinís. Tiña que ser el.
Correu aínda máis, case voando, ata chegar alí. Decepcionouse ó ver que o home que alí se atopaba era un turista alemán que alugara un dos apartamentos vacacionais da praia para pasar un par de semanas tranquilo coa súa pequena familia.
As bágoas escorregáronselle pola cara. Pensou que, despois de tantos anos, seguramente Dinís xa non volvería ó lugar que máis lle lembraba a ela… Descendeu a paso lento pola costa do cantil, con néboa na vista de tanto chorar. De súpeto, notou que unha man se lle pousaba no ombro.
Virouse asustada, pero o que atopou non fixo máis que enternecer a súa triste mirada. Alí, fronte a ela, coma se dun espellismo se tratase, estaba el. El! Non puido conter a emoción e abalanzouse ós seus brazos. Era unha aperta con sabor a “boteite de menos tanto tempo…”, con olor a “onde estivestes tanto tempo” e cunha música que soaba a “es o amor da miña vida”. Ningún pronunciou unha soa palabra. Estaban demasiado abraiados, emocionados, como para pronunciar todo o que levaban gardando durante anos, o que sempre lles faltara por dicir…
Cando conseguiron articular palabra, comezaron as desculpas, o laios, as bágoas, os risos, os aloumiños… Todo o contido en tantos anos.
Descenderon cara unha cafetería preto da costa, sentáronse, e aínda cos nervios propios de dous adolescentes ante o seu primeiro encontro, comezaron a contarse as súas vivencias sen escatimar en detalles. Os seus amores pasaxeiros, os seus traballos, as súas inquedanzas, e a imposibilidade de esquecerse o un do outro. Ese sabor que se deixaran nos beizos a última vez que se viran no cárcere, detrás daquel cristal que impedía o máis mínimo contacto.
Dinís lamentouse pola morte de Rui e de Dona Leonor e contoulle que casara había cinco anos cunha compañeira do grupo socialista no que traballaban incansablemente en favor dos seus dereitos, Mónica da Silva, e que tivera dúas fillas, Filipa e Isaura, ás que quería máis cá súa vida. Neste momento, os ollos de Filipa brillaron de emoción polo nome da pequena, pero tamén de tristura por saber que o corazón do seu home pertencía xa a outra muller. Mirou ó chan, e de súpeto, notou a man de Dinís collendo a súa.
-Ela enfermou e faleceu dous meses despois do nacemento da pequena Isaura, hai xa tres anos…- dixo Dinís, cos ollos chorosos pero escintilantes do amor que o posuía pola fermosa muller que tiña perante os seus ollos e á que tanto amara sempre, desexando que Mónica fose ela a cada momento.
- Segues a ser tan bela, ou incluso máis que cando te coñecín.
-Ámote Dinís, con toda a miña alma. Tantos anos e non conseguín borrar a pegada que deixaches no meu corazón. Meu amor… - e antes de rematar a frase, Filipa xa tiña os beizos de Dinís pousados sobre os seus.
Pechou os ollos, e situouse no Pinhal do Rei, niño do seu amor durante tanto tempo, na súa mocidade… Quixo non acabar nunca ese momento. Cando volveron ó mundo terrenal do que marcharan ó recibir eses bicos propios das divinidades, ou iso creron sentir, Dinís dixo:
-Volve Filipa, volve do Brasil. Non soportaría a túa perda outra vez…
-Dixéronme que morreras… Síntoo moito amor… Tanto, tanto…- o seu discurso viuse interrompido por saloucos e salgadas pingas de auga que manaban dos seus ollos.
El acariñouna, e sentiu a calor da súa pel morena, o perfume brasileiro, a esencia tropical. Ela notou as súas curtidas mans, o seu olor adulto.
A partir dese día, nunca máis se separaron. Ela mandou traer as súas cousas da súa casa de Brasil, el contoulles a noticia ás súas pequenas fillas, que co paso do tempo, atoparon na doce Filipa a nai que añoraran tanto tempo, e comezaron a súa vida en común. A casa era grande, luxosa. O perfecto niño de amor. Isaura recibiu a noticia coma se dunha milagre se tratase, e chorou de felicidade polo seu fillo canto puido e máis.
Dous anos máis tarde, naceu un neno no seo daquela casa. Rui, un pequeno e regordecho neniño, froito do amor máis puro que hoxe podemos coñecer, e que aportou, finalmente, o graíño último de felicidade a aquela casa. Foi a consumación daquel amor abraiante que foi capaz de superar todos os contratempos posibles, as distancias, as fronteiras, as crenzas… e así foi, así é, e seguirá sendo mentres a memoria perdure e estas follas que o recollen sexan lidos por todo aquel que quiera aprender o que significa amar.
Crer posible algo é facelo certo!