22.12.10

FELICES FESTAS A TOD@S

O venres estiven de visita no "meu" IES e resulta difícil entrar no departamento e non ir dereitiña a deixar as cousas enriba da "miña" mesa.... UFFFFFF
Cada vez que volvo só recibo cariño de todos/as os compañeiros/as e iso é máis que abondo para sentirse feliz e esquecerse de tonterías e da tristeza destes días que sempre nos fan pensar nas persoas que queremos e non están. Moito mellor pensar na xente que está e da cal disfrutamos día a día. Gracias a todos por recibirme sempre cos brazos abertos e porque o cariño que recibo se multiplica cando volo devolvo.
Para que neste Nadal as preocupacións sexan menores deixo aquí a felicitación que me mandou Mar para todos os compis e lectores do blog e, como non, acompañada de bicos sempre moi doces.

9.12.10

25 de novembro

Noraboa polo traballo Xoán. Vexo que non decae o ánimo e seguides a traballar tanto e tan ben. Que morriña!!!
Esta presentación espero que sirva para que a xente reflexione. Mágoa que non a vexa quen ten que vela. Daquela seguiremos con noticias coma as da ponte, as de hoxe e as de pasadomañá. É raro o día que non prendes a TV para ver o noticieiro e non escoitas algo sobre o maltrato a mulleres, case sempre.

19.11.10

AZOU.EU

Na Mariña luguesa, dise que ten o AZOU, quen non para quieto, quen anda a bulir todo o día cheo de inquietudes.
Aí vai este novo proxecto de núsica en galego para xente nova e, en fin, para todos.

17.11.10

O galego contraataca

Como vemos o galego

Así ven os mozos a suposta imposición do galego nas aulas

Os alumnos 1º de Bacharelato Tecnolóxico do IES Pedro Floriani publican esta montaxe sobre a suposta discriminación do castelán en Galicia. Vídeo no interior:

12.11.10

Viaxe á Praia dos afogados

Ola moz@s! Grazas de novo por convidarme a esta viaxe por Nigrán, máis ca interesante e recomendable despois de ler o libro de Domingo Villar. Ademais de poder gozar da vosa compaña, puiden estar de novo ca alumnado co que fomos a Tenerife e hai xente moi boíña.
Aí deixo o video de recordo. Levareivos o resto das fotos. Só poderán ver o video os meus contactos. Por aquilo da privacidade, nótase que onte fun a Santiago ás Xornadas sobre Os procesos de dixitalización na transmisión cultural, jjjjjjjjjjj Menudo rollo!!!


Untitled from lolicid on Vimeo.

Contra a violencia de xénero

Outro ano máis achegámonos ao 25 de novembro e todos sabedes que é o Día Mundial Contra a Violencia de Xénero. Este ano o número de vítimas é maior ca o ano pasado e aínda falta mes e medio para que remate. Debemos analizar que pasa coa nosa sociedade. Por que un home na última etapa da súa vida, con oitenta e pico anos, decide matar a súa muller? Toleamos ou que?

Para que reflexionemos sobre o tema deixo este fragmento de As de Bolboretas de Rosa Aneiros.
Fiño e Lucía (páxs. 187-189)
-Fiño...
-Chssssssss.
-Fiño...
-Chssss, cala, Lucía.
-Por que estamos calados?
-Porque estamos xogando.
-Por iso estamos debaixo da cama?
-Si, cala. Estamos xogando ás agachadas.
-Pero se estamos os dous debaixo da cama, quen nos busca?
-Ummmm... Mamá.
-Fiño.
-Que.
-E que mamá leva un anaco berrando e chorando na cociña.
-E que?
-Que non nos está buscando.
-Lucía, cala.
-Fiño, non me apertes, vasme mancar.
-Cala.
-...
-Xa está, xa podes falar.
-Es parvo, fixéchesme dano.
-Era para que calaras cando entraron os zapatos.
-Pero non eran os de mamá!
-Por iso.
-Eran os zapatos de papá!
-Por iso mesmo.
-Pero el non está xogando ás agachadas!
-Xa o sei, Lucía, pero cando el entra hai que calar.
-Fiño.
-Que.
-E cando podemos saír de debaixo da cama?
-Cando se escoite o ruído da porta e veña mamá buscarnos.
-Pero se mamá sabe onde estamos, non vale.!
-Si qeu vale.
-Non, non vale porque ela non quere xogar ás agachadas!
-Ah, si, e ti como o sabes?
-Porque ela quere xogar aos pallasos!
-Estate quietiña, Lucía, por favor.
-Eu non quero estar máis debaixo da cama. Este xogo non me gusta.
-Vale, xa te oín, pero agora estate quieta. Cando se escoite o ruído da porta saímos.
-Estou enfadada. Non me gusta.
-Veña, mañá xogamos a outra cousa.
-Si, Fiño. E a que? E a que?
-A ser invisible.
-E como se xoga a iso?
-Xa o verás.
-E mamá vai xogar tamén?
-Tamén.
-E papá?
-Papá terá que encontrarnos, pero como seremos invisibles seralle difícil. O importante é que non nos descubra, vale?
-Vaaaaale, podemos saír de debaixo da cama xa?
-...
-Fiño.
-Que.
-Fixen pis.

28.10.10

O SAMAÍN

O Samaín, unha festa de orixe celta na que se rende culto aos mortos ou ás súas almas, convídanos a vivir unha noite de terror e medo. Se sodes amantes deste tipo de historias animádevos a crear un corto con esta temática. Para inspirarvos déixovos o video baseado no relato de Ferrín titulado O Suso.



Máis vídeos:

Os defuntos falaban Castelao

Sobre a morte do Bieito

Recursos Samaín:

http://www.xente.mundo-r.com/norberto/recursos/samain_e.htm

http://es.wikipedia.org/wiki/Samhain

12.10.10

Linguas cruzadas

A unidade didáctica do documental de Linguas cruzadas está en PDF pola rede e déixoa nesta xanela para que todos poidades levala á aula e traballar directamente con ela sen andar a facer copias. O curso pasado os resultados foron moi bos e anímovos a todos a que traballedes con este material nas aulas.




28.9.10

O incerto señor Don Hamlet

Aquí deixo un fragmentiño da estrea No Auditorio Municipal de Ourense da nova peza Sarabela Teatro.
Fai pouco tiven a oportunidade de ver en Coruña, no Rosalía, A esmorga. Aínda que aquela representación me gustou máis, polo lugar, a compañía e o apego que unha lle colle a este libro cos anos, o Hamlet de Cunqueiro tamén estivo ben. Moi lenta ao comezo cando fala o coro e máis interesante logo, cando comezan as dúbidas existenciais do protagonista e os enredos que trama a súa loucura, quizais xermolo do abafo que na escena crea a falta de vento?.


ACTIVIDADES CURSO 2009-2010

Sei que vai con demora, Mar, e tanta!!!! Pero no verán xa sabes que andei de acó para aló coma unha bolboreta, pero sen asentar para facer nada con xeito.
Esta fin de semana rebulín entre os arquivos e a morea de carpetas que hai con fotos no ordenador e atopei onde tiña as do Instituto, menos mal!!! Foi moi emotivo velas todas de novo, sobre todo porque nunha presada delas aparece Andrea, sempre sorrindo, por certo!!!
Sei que faltan actividades: teatro a Ferrol ou ao Rosalía, roteiro da Praia dos afogados, as rutas de sendeirismo, e un milleiro máis de actividades que fomos facendo ao longo dun curso tan produtivo a nivel laboral e persoal. Daquela cando vexas o video, ademais de atopar os erros que xa vin por aí, decataraste de que si foi moito o traballo e moi bo. Po iso espero que estas imaxes sirvan de alento para seguirdes coa mesma liña de traballo. Non dubides un intre de que estivo xenial o que se fixo, e iso que non tiñamos tempo, senón aínda se farían máis cousas que sabemos que quedaron pendentes. Por exemplo, o do teatro na rede: animádevos este curso co Achado do castro, vale.
Bicos á todos máis que grandes.


23.9.10

GALEGO MÁIS DEPORTE



O testemuño deste campión ferrolán é moi valioso porque nos deixa ver que unha persoa pode falar en galego aínda que non sexa a súa lingua materna. Asegura que o apego coa avoa e a aprendizaxe na escola ("tiña moitas materias en galego") foron as ferramentas que fixeron que aprendese a falar a nosa lingua.

Ademais, Javier insiste na idea da lingua como sinal de identidade. Di que fala galego porque sabe que é o algo que o fai sentir que está na casa. Mais cando anda por fóra recoñece que a xente se interesa pola súa lingua e que teñen curiosidade mesmo por aprender algunha palabra. Daquela????????? Isto é o de sempre!!!!!!!!!!!!!!!! A xente que menos apreza o galego é aquela que non entende o que significa a nosa lingua de verdade?

Vós diredes!!!!

20.9.10

Andrea de la Fuente




Arriba ao lado de Nereida e detrás de Celia.
Abaixo entre Diego e Loli.


Hoxe foi un día longo e triste para o IES David Buján, cando menos foino para aqueles que tivemos a oportunidade de compartir o curso 2009-2010 con Andrea.

Xa sei que moitos estaredes pensando que por que pasan estas cousas e por que lles pasan á xente que nós queremos. Non hai un razoamento lóxico, as cousas pasan sen máis porque están de ser e non gañamos nada intentando entendelas. A única forma de superar feitos coma estes é aceptar o que ocorreu canto antes e loitar, cada vez máis, polas persoas que queremos e por ser felices con cada pequeno detalle.

Quería despedirme de Andrea con estas dúas fotos nas cal loce cun sorriso enorme, que delata a enerxía coa que estaba sempre bulindo de acó para aló, e acompañada de todos os compañeiros e copañeiras do curso pasado. Sei que tiña moi mal xenio, como dicía algún compañeiro, pero co decorrer dos días soubo canalizar esa enerxía para sacar adiante un moi bo traballo.
Un bico moi grande.









XOGOS

Pilar, prometera mandarche os xogos que tiña do curso de monitora que nos permitían xogar coa lingua. Están cara as últimas páxinas do documento.
Esepro que algún valla para estes días de inicio de curso.
Bicos.


17.9.10

AS DE BOLBORETAS


O curso pasado tiven a sorte de acudir, en moi boa compañía, a escoitar a Rosa Aneiros no Cefore da Coruña, dende aquela engaioloume a súa forma de falar e dixen que tiña que ler os algún dos seus libros.
Porén, o destino fixo que non fora ningunha das súas obras as que aportaron no meu peirao este verán. Mais, logo de botar unha ollada á guía de lectura que preparou A Profa, non hei deixar moito tempo entre este intre e o da abordaxe de As de bolboretas.

Guía de lectura da obra "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros realizada por Pilar Ponte Patiño para Edicións Xerais.

Dunha persoa tan traballadora e alegre non podía saír outro traballo que nnon fora este. Parabéns e moito ánimo para seguir por estes sendeiros.

SON DE POETAS

Hoxe, 17 de setembro de 2010, o curso novo curso escolar para secundaria bota a andar. Xoán Díaz, director de Son de Poetas, faino da mellor maneira que sabe explicando a todo o mundo que aprender literatura pode ser divertido, ou non?

Noraboa polo traballo



Transcribo a entrevista que publicou A Nosa Terra Diario. Grazas Mar, estás en todo.
________________________________________________________________
Blog de poemas musicados


Xoán Díaz: 'Son de Poetas complementa as clases de Literatura'


Redacción . 'Son de Poetas' é un blog que funciona dende o curso 2007-2008 no IES David Buxán de Cambre como recompilatorio de versións musicadas de poemas galegos co fin de achegar a nosa Literatura aos estudantes de Secundaria. O profesor de Literatura e Lingua galega Xoán Díaz dirixe esta bitácora que está a piques de inaugurar a súa cuarta tempada na rede.


Que é 'Son de poetas'?

Quere ser unha causa colectiva para alumnos, compañeiros de profesión e grupos literarios que funciona no curso lectivo e ten como meta aproximar os alumnos á literatura e poesía galega a través da canción e a música.



Dende cando funciona?

Dende o curso 2007-2008.



Como xurdiu?

No equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES David Buxán coñeciamos iniciativas de incentivar a aproximación á literatura por parte do alumnado con poemas musicados en castelán e catalán e quixemos facer algo similar coa literatura galega.



Que periodicidade ten?

Publicamos un poema por semana lectiva e ás veces varias versións musicais dun mesmo texto. En datas importantes como o Día das Letras Galegas ou o pasamento de Rosalía de Castro facemos entradas especiais con recompilacións de poemas musicados dos autores homenaxeados.



Cal é o cometido?

Que os alumnos fagan reflexións sobre os poemas de autores que se revisan nas aulas partindo da música, e que opinen e propoñan outras versións musicadas dun mesmo texto. Tamén relacionar o ensino e a Literatura coas novas tecnoloxías.



É un blog colectivo?

Eu dirixo o blog pero conto coa colaboración dos compañeiros do departamento de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto e de xente que nos da referencias das versións.



Ten moitos seguidores?

Na relación constan máis de 60.000 visitas, a maioría de Galiza, pero tamén de galegos que viven no Brasil e toda Europa. Pero o cometido do blog non é ter moitas visitas, senón dar a coñecer a nosa Literatura a través da música.



Este blog está creado como unha ferramenta de traballo?

Por suposto. Son de Poetas fíxose como un complemento das clases de Literatura galega e para incorporar as novas tecnoloxías ao material escolar. Persoalmente estou moi interesado na integración das Tecnoloxías da Información e Comunicación nas aulas e este blog permíteme experimentar neste eido. É fundamental que contemos con ferramentas dixitais para traballar nas aulas e como profesores estamos obrigados a darlles unhas competencias dixitais aos alumnos e estar ao día nesta materia.

29.8.10

La sombra del viento




Cando as vacacións de verán se reducen a sol e praia o máis interesante que se pode facer é acompañarse dun bo libro. Este verán o meu compañeiro de viaxe foi La sombra del viento, de Carlos Ruíz Zafón, xa que mo recomendou unha amiga.
Aínda que tivo que sufrir o atropelo dalgunha onda rebuldeira que a iso das 7.30 da tarde se lle daba por brincar máis arriba da liña do litoral. Poren, sobreviviu e mantívome entretida e de viaxe polas rúas dunha Barcelona enigmática.

A pluma estilográfica de Victor Hugo son o elo da cadea que une o presente e o pasado nesta novela que fai que os personaxes de ficción e os reais se mesturen no mesmo plano ata o punto de usurparse identidades.

A descuberta do libro La sombra del viento, no cemiterio dos libros esquecidos, leva a Daniel a mergullarse nunha investigación trepidante sobre o autor daquel exemplar. Iso será a escusa perfecta para que os múltiples narradores cos que vai contactando nos fagan chegar a vida dos distintos personaxes, que tiveron que sobrevivir aos difíciles anos da guerra, á ditadura de pais despóticos ou ao caciquismo dunha sociedade deturpada que non se afasta tanto do presente no que vive o protagonista.

Hai moitas frases que podía destacar desta novela, pero quedo cunha que me recordou á lectura de facultade do Triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor Freixanes, que tantas veces levo relido e que se agocha na gabeta do meu escritorio.

“ _Yo creo que nada sucede por casualidad, ¿sabes? Que, en el fondo, las cosas tienen su plan secreto, aunque nosotros no lo entendamos. Como el que encontrases esa novela de Julian Carax en el Cementerio de los Libros Olvidados, o el que estemos tú y yo ahora aquí, en esta casa que perteneció q los Aldaya. Todo forma parte de algo que no podemos entender, pero que nos posee.”
La sombra del viento

“Nada xorde da nada nin por un casual . A casualidade non existe. As cousas estábanse a cocer dende había moito tempo. Detrás de cada suceso hai sempre una historia. Unha relación de causa efecto, e se a veces non acertamos a explicar acontecementos que nos sorprendan, non é porque o azar ande no xogo, é porque a nosa razón non vai aínda máis alá, porque aínda non acadamos o necesario nivel de coñecemento..."
O triángulo inscrito na circunferencia.

6.8.10

A XEIRA DAS ÁRBORES




Na liña do seu discurso feminista, Teresa Moure preséntanos nesta novela a unha muller que fica pendurada ao bordo dun precipicio, coma unha desas árbores que está continuamente desafíando a gravidade, pero que grazas ás súas fortes raíces logra soportar treboadas e vendavais facéndose cada día máis forte.


Clara, unha muller solteira, con tres fillos e tradutora, debe deixar o seu traballo na editorial para traballar dende a súa casa e coidar dos pequenos.


Asistimos nestas 127 liñas ao decorrer dun día na vida de Clara. A escritora fai que a protagonista baleire, neste pouco tempo, o seu pensamento nun longo monólogo interior dende o cal nos conta a historia da súa "vida".


Inspirada polo filósofo que está a traducir, Humboldt, e inspirada pola súa teoría sobre o amor, Clara revisa a súa historia. Cóntanos que pensa ela do amor e como foron as relacións que mantivo cos pais dos seus tres fillos.


Sorprende a forza da protagonista para sacar adiante unha familia e, sobre todo, a ela mesma. Forzas que parecen frouxear cando chega a noite, deseperada por non dar durmido, colle a tableta de pílulas e toma a primeira porque necesitaba realmente descansar. Non o conseguía e a súa idea era conducir durante un anaco polas estreitas rúa que formaban as ringleriras de somníferos... pero a luz da alba descóbrenos a unha muller nova, que soubo coller as curvas desa autoestrada e evitar as fochancas, para comezar un día máis a súa vida.


Cantas mulleres árbore coñecemos? Pois non deixedes nunca de regar as raíces desas arboriñas para que sigan fortemente amarradas á terra, á vida!!!

5.8.10

Sorriso de Lúa

Grazas a Mar por animar a este grupo de rapazas de 1º da ESO, Sara, Lucía, Helena, Ainhoa e Lucía, para que nos puxesen os pelos coma os do ouizo cacho cada vez que viñan a ensaiar ao departamento.
Cos temas que tedes no reprodutor, Sorriso de Lúa participou nun certame musical o día 15 de abril de 2010 e conseguiron un merecidísimo 4º posto. Rapazas estivo xenial, cando naza a miña sobriña poreille o voso arrolo para que o escoite.
Deixo o enlace á revista do centro no cal se recolle a noticia.

Get this widget Track details eSnips Social DNA

NA SOLAINA



Cada vez estou máis convencida de que me gusta ser una persoa que se emociona, porque só así se pode gozar coa lectura dun libro coma o de David Vázquez Álvarez.

Esta prosa mol, donda e serena que sae da pruma do autor fai que nos mergullemos na vida de Ana, una velliña nada a comezos do século xx, que devece por estar co fillo da muller do servizo. Porén, as prohibicións do pai, primeiro e a marcha do rapaz alén mar na busca dun futuro mellor, despois, fan que a moza abandone a aldea da Ribeira Sacra, á cal regresa agora, tras vivir corenta anos na fermosa cidade da Coruña.
Quizais ese accidente que lle produciu a rotura do pé fose tan só a escusa perfecta para chegar de novo ao fogar dos maiores que construíron para a xente do lugar na aldea que a viu nacer. Dende a solaina do edificio os seus húmidos ollos albiscan cada un dos recunchos daquel fermoso val facendo que os seus recordos se espreguicen: o pazo familiar no cal coñece ao Rabizo e no que tantas veces discutiu co seu pai ou irmán maior; o regato, testemuña dos encontros ás agachadas dos mozos que tanto amor sentían, ou as serras que acubillaran no seu ventre ao mozo e ao seu amigo Pepe, fuxidos durante os anos da Guerra.

Ana, co decorrer dos días vai conversando pouco a pouco coa súa enfermeira, Diana, que tan ben sabía tirar do nobelo durante os longos paseos que daban por recomendación do doutor. A velliña presa da dor que lle producían as lembranzas que se amoreaban como á saída dun túnel na procura da luz, aconsella así á pequena: “…todos somos prisioneiros das nosas decisións, das nosas lembranzas, dos nosos erros (…) O que pasou xa foi. Non podemos volver atrás no tempo. Os rotos da alma non se poden remendar”.

Mais desta volta trabucábase con aquel consello. Quixo a vida que todo o sufrimento daquela mociña e desta velliña, que debruzada na solaina da súa vellez enxergaba os duros recordos do pasado que gardaba naquela caixiña de madeira, tivera un final feliz.

Merece a pena loitar aínda que Ana pensase “que a vida sempre gaña, miña pequena”, para agora mirar nos ollos do Rabizo a luz daquel amor que nacera cando aínda eran nenos e ían xuntos á escola. Agora, eran libre por fin e agardábaos toda unha vida xuntos.

Os elos que forman a cadea temática desta novela, malia seren coñecidos para todos: a Guerra Civil, os asasinatos, o caciquismo, o despotismo, o machismo, a diferenza de clases, a falta de liberdade, o amor, a emigración, os campos de concentración… combínanse de tal forma que o autor fai que non caiamos no aburrimento. As continuas viaxes que a velliña Ana e os demais personaxes fan dende o presente cara o pasado, fai que camiñemos cara outras lecturas como Agosto do 36, recordando a fuxida polos montes ourensáns de Manuel; O neno do pixama a raias, ao lembrar as chemineas que liberaban de forma tan atroz as persoas que estiveran alí prisioneiras, ou as escenas do filme A mariñeira, entre outras moitas que podiamos citar.

Sexa como for, as bágoas acudiron en varias ocasións aos meus ollos ao sentir todas esas emocións que moven aos personaxes desta novela: como evitar non sentir o medo dun neno de 16 anos partir cara América, ou medo ante a carraxe que sente o pai de Ana ao velo co fillo da criada, ou o medo do Rabizo a participar nunha guerra que non era súa matando a xente inocente, a emoción de Sara cando ve regresar ao fillo mozo da Habana, a tristeza do Rabizo no porto da Coruña lembrando que non se podía despedir de ninguén, nin de Ana, o amor que desprendían os olliños de Ana cara o seu namorado ou o desexo e ilusión de ser libres por fin e poder estar xuntos para sempre. Todas estas emocións e outras tantas máis e o suspense que a protagonista lle pon ás súas verbas fan que prendamos na lectura, que fiquemos neste fermoso lugar dos canóns do Sil un anaco máis, como fixo a enfermeira, malia ter unha boa oferta de traballo na cidade, porque desexabamos saber cal era o desenlace daquelas vidas. Grazas á súa curiosidade a historia vai medrando a pouquiños e os flashback son continuos, pero ao final logramos descubrir que os soños a veces tamén se fan realidade.

NA SOLAINA da casa vella da miña avoa, á sombra da figueira, escoitei moitas historias da boca dela e de miña bisavoa . Quen se resiste a NON SOÑAR!!!!!
Agora, miña bisavoa, dende hai moito, e miña avoa, dende un ano e medio, xa non están. A vella figueira xa foi substituída por outra máis nova. E, aquela cativa que soñaba, cando agora sobe á solaina, sabe que os soños se fan realidade só en novelas coma esta.

27.7.10

TERMAS OUTARIZ


De volta en Ourense non está de máis facer publicidade dun dos mellores lugares de lecer da cidade: as termas en Outariz ou na Chavasqueira. Non vos minto se vos digo que en Allariz a iso das 5.30 e co coche á sombra ó carón do río a temperatura era de 35 graos, ao mellor de día non é o mellor momento para gozar delas, pero un baño pola noite combinando auga fría e quente está moi ben. E quen dixo praia, hahahahaha!!!

Ourense terra meiga



Paseo por Ourense

Día da Patria Galega

Hoxe Xoan convidoume a ver os cambios en Son de Poetas e vin a Rosalía no centro do blog.
Iso recordoume ao recitado que fixo Teresa Devesa na festa do día 24 pola noite que se celebra todos os anos na miña parroquia, Santiago de Folgoso.



Uníndonos á homenaxe á nosa poetisa a concelleira recitou o poema da "Xustiza pola man". Se premedes no enlace ao blog antes citado podedes escoitedes unha versión moi movida deste poema de Rosalía.

Grazas Xoan, moi bo traballo!!!

15.7.10

ORGULLO@S DO GALEGO

Despois de estar unha semana traballando con Linguas cruzadas e montarmos unha exposición no corredor do centro coas frases "celebres" deste documental sobre a situación actual do galego, un grupo de alumnos e alumnas de 2º ESO B do David Buján fixeron o seguinte video.

Podería dicir aquilo de "mensaxe recibida". Non sempre falamos para as paredes. A experiencia foi positiva, os mozos/as falaron máis galego no último mes ca todo o ano.

Conclusión: esta actividade é de comezo de curso!!! Anímos a todos a achegarvos a ela.


2.6.10

UXÍO NOVONEYRA

Aínda que vou con demora, aí van os traballos do alumnado do IES David Buján de Sigrás, Cambre.

Dende a creación literaria, ata xogos, debuxos e recitados poéticos todo serve como dinamización lingüística. Non deixedes de traballar nesta liña porque conseguimos que nenos/as totalmente desmotivados na aula normal se puxeran a recitar e ler poesía, por exemplo.

Grazas a todo o alumnado por participar e a todos/as compañeiros e compañeiras por axudar coa montaxe das actividades. Moi bo equipo de traballo. Magoa que o curso remate.

AS GRAVACIÓNS




OS DEBUXOS.



OS XOGOS

7.5.10

CONVERSAS CO VENTO

Grazas Mar por facerme un agasallo tan fermoso. Desque nos liches na aula o conto da máquina, penso que todos nós estamos máis animados co tema da interpretación de textos literarios. Aínda que a que fixen eu non é todo o brillante que merece o conto, escollín Corazón de Pedra para ler porque se algo está claro é que non temos o corazón tan forte, para a nosa desgraza!!! Digo desgraza, porque parece que a sociedade na que vivimos tivese por febles a aqueles que amosan a miúdo os sus sentimentos. Mais, eu prefiro ser feble e demostrar o meu cariño cara as persoas que me rodean que un ser acoirazado, que non fondo non deixa de sentir tamén e sen ter oportunidade de que ninguén saiba como é realmente.
Espero que che guste.


Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

As funcións da oración

Deixo aquí a presentación-remuso dos temas de lingua que falan das funcións da oración, para 2º ESO


22.4.10

SALITRE

O venres 16 de abril estivo no centro Jaureguizar para falar un anaquiño da súa obra cos nenos de 2º da ESO. Foi moi ameno e interesante, o alumnado quedou encantado e de seguro esperando a que outro autor os visite.

Penso que esta é unha maneira de motivalos á que lean. Temos que agradecerlle a Jaureguizar a súa disponibilidade e desculparme por non poder compartir ese momento que estivo no centro, por mor, como el dixo, de estar sufrindo en Tenerife.

Alégrome que lle gustara tamén esta pequena presentación que preparamos para anunciar a súa visita. Faise o que se pode.









Despois de ler o libro algunha alumnas atrevéronse a editar un cómic e estes foron os resultados. Noraboa a todas.





13.4.10

LINGUA DE AMOR



Xa está en marcha a 4ª edición do concurso de cancións e declaracións de amor na rede, organizado dende o Servizo de Normalización do Consello da Xuventude de Galicia.

O obxectivo principal é fomentar un uso normal do galego entre a xente nova e na rede.
Podedes ver as bases, as categorías e rexistrarse na páxina http://www.linguadeamor.eu/
Sorte a todos/as
Aviso para ex-alumnos/as. Mandade os textos en galego, vale?

24.3.10

Ser lingua non é fácil

Bos días, chámome Bócila e son a lingua dos bicos. Fálanme os beizos. Cando os beizos se moven estanme falando. Cando alguén se dá un bico, eu crezo máis e máis. Nacín cando naceron os meus falantes, coma todas as linguas. A verdade é que son un pouco gordiña de máis; sempre, sempre levo sombreiro e visto con vestidos de flores. Agora son enorme porque as persoas se dan bicos a diario, pero había un tempo en que os beizos deixaron de falar, volvinme máis pequechiña e estiven a piques de desaparecer por completo.
Agora estou moi feliz porque hai moito amor no mundo.

FARA LÓPEZ BECERRA(1º ESO B) IES David Buján (Cambre)


Ola, o meu nome é lingua 1000, pois nacín hai mil anos nun país onde me tiñan de boca en boca, polo ben que caín e estas xentes que me adoptaron nun recuncho do mundo tal como son: desperta, intelixente, agarimosa, educada ou maleducada dependendo do día e o momento. A verdade é que todos me trataron moi ben e aprendín moito deles.
Recordo cando os mestres: Rosalía, Castelao, Pondal, Curros Enríquez e tantos outros me ensinaron a bailar e a ver a miña terra dun xeito máis emocionante. Cando me facían dar pasos tan ben axeitados, que os airiños, as fontes e carreiros que tomaba como acompañantes me levaban sen un traspé, foi moi difícil non namorarme deles.
Co paso do tempo o meu xefe Maccerebro, decidiu poñerme dúas escoltas de por vida: a Tracocastellano e a Tracoinglés dous mozos altos, fortes, ben parecidos e que non me deixan nin a sol nin a sombra. Cando me encontro con vellas amigas e nos poñemos a falar, estes dous expertos en artes marciais deféndenme con "esta boquita es mía" ou "would not do you stranger". A verdade é que me fan sentir un pouco incómoda, pois boto de menos aqueles tempos de antano onde o baile e a festa rachada sen intrusos me facían perder o sentido.

Juan Bouzas - ESA - IES David Buján



Antes de vermos a exposición "Ser lingua non é fácil", imaxinamos que eramos unha lingua e Fara imaxinou que era a lingua dos bicos. Agora ti pasea pola exposición e despois pensa que lingua serías ti.

3.3.10

ORGULL@S DO GALEGO



Participade na campaña creando dende os centros os videos onde o voso alumnado exprese a súa opinión sobre a nosa cultura e a nosa lingua. Por que debemos estar orgullosos de ser galegos?



8.2.10

O FORMIGUEIRO

Aquí a primeira e única tiraxe deste singular xornal que elaborou o alumnado da ESA do David Buján. A verdade é que como a maioría dos que acoden á modalidade adulta da ESO, non son tan adultos, e como non paran de moverse como pequenas formiguiñas que van dun lado para outro, no podía ser outro o nome do noso xornal.


5.2.10

Subtitulando pola paz

Aínda que vai con retraso aquí vos deixo un video que subtitulou unha alumna de 2ºA polo día mundial da Paz empregando o DOTSUB. Moi bo traballo Nereida!!!

1.2.10

CONCURSO DE BANDA DESEÑADA









ANXO FARIÑA NO DAVID BUJÁN

O día 18 de xaneiro de 2010 o alumnado do IES David Buján recibiu un agasallo de Nadal moi especial. Grazas á súa profesora Mar Hermida foi posible que gozaramos da presenza de Anxo Fariña, autor, como todos sabedes dos MEGATOXOS.

O alumnado viu así recompensado o seu esforzo nos tarefas de lectura e elaboración de cómics que lles encargara Mar. Penso que dende o primeiro momento quedaron engaiolados por cada un dos trazos que debuxaba o autor, xa que os transportaba maxicamente ao mundo dos heroes que coñeceran uns días antes nos seus libros. É como se cobrasen vida e se lle achegasen e mesmo lle falasen da man do seu creador, Anxo Fariña.

O alumnado non deixou de recoller coas súas cámaras este momento tan especial para eles, o de pórlle cara á man que escribe esas historias que eles e elas len.








26.1.10

Deitado fronte ao mar

Que o mundo é plurilingüe non é nada novo para nós. Aínda que o noso alumnado ande un pouco perdido, a veces, e non reparen na riqueza lingüística e cultural que temos, nós xa nos decataramos disto fai moito, nós xa fai tempo que vimos destacando a importancia do inglés como lingua de comunicación internacional e como unha ferramenta indispensable para a promoción laboral fóra do noso país, igual que o dominio de cantas máis lingua mellor. Porén isto non significa que deamos as costas Á NOSA lingua, esa que nos viu nacer e a que nos permite ser especiais e diferentes.

Aí vos deixo unha versión trilingüe do poema de Celso Emilio.

Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

19.1.10

30 DE XANEIRO: DÍA MUNDIAL DA PAZ

Esta e outras moitas cancións e estas e outras moitas imaxes que cada día atopamos en calquera dos espazos que nos rodean fannos reflexionar se merece a pena seguir aceptando a violencia como algo normal nas nosas vidas ou se é "momento de recapacitar" e cambiar a forma de ser para vivirmos nun mundo mellor.

Nesta ligazón atoparedes propostas musicais para traballar o tema da paz dende o eido musical en distintas épocas históricas.