23.9.14

INÉS DE CASTRO

Este verán tiven o pracer de visitar a parella de namorados máis entrañable da nosa historia. Sexa por tráxica ou intensa o amor de dona Inés e don Pedro foi máis alá da morte e pervive na memoria colectiva do noso pobo así coma nos múltiples textos literarios que recrearon a súa paixón e difundiron unha lenda que simboliza o amor eterno.

Na década de 1320 nacía na Galiza a pequena Inés, filla de Pedro Fernández de Castro e Aldonza Soares de Valladares. Mais foi o castelo de Peñafiel, en Valladoliz, quen a viu medrar a carón da súa curmá Constanza.

Quixo o destino que a nobre fora chamada para casar na corte portuguesa con Pedro I, fillo de Afonso IV, o Bárbaro,  que Inés a acompañara en funcion de "dama parente" e que no momento de coñecerse esta e o infante ficaran irremediablemente namorados a pesar de todas as oposición dos reis.

Aínda que o infante casou con Constanza, nove anos despois da súa morte, desafiando toda prohibición casa coa súa amada e teñen catro fillos.

O rei Afonso IV, temeroso do poder dos Castro en Castela e Portugal, déixase influír polos consellos dos seus asesores e planifica a morte de Inés. Un día no que o seu fillo está de cacería, o rei acode cos seus cabaleiros ao mosterio de Santa Clara, próximo á Quinta das Lágrimas, en Coímbra, para perpetrar a execución da súa nora. Mais faltoulle valor ao vela rodeada dos seus cativos e dá volta, pero os seus cabaleiros non teñen piedade e danlle morte.

A lenda di que as bágoas que derrama dona Inés no río Mondego cando ía ser asasinada deu lugar á Fonte das Lágrimas. E no fondo desta fonte disque nacen unhas algas de cor vermella que son as pingas de sangue da propia Inés.

A vinganza de don Pedro segundo a lenda di que unha ver que foi rei mandou exhumar o corpo da súa amada, subiuna ao trono e fixo que a coroaran obrigando aos cortesanos a que renderan os honores debidos a unha raíña.

Ademais, o rei mandou esculpir un túmulo funerario para Inés no Mosterio de Alcobaça (declarado Patrimonio Cultural da Humanidade no 1985, pola UNESCO), a onde trasladou os seus restos. Co tempo tamén ordenou esculpir o seu propio e así ficaron colocados un aos pés do outro para verse nada máis resucitaren unha vez superado o Xuízo Final. Estes dous sepulcros góticos dise que son os máis famosos de portugal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario