(30-4-2011)
Hoxe falarei da lingua galega. De como a sinto e como a vivo. As miñas experiencias coa fala. Unha desas cousas que fixen ben na vida foi falala. Outra, escribila. Trátase dunha historia de amor. Desas que non insiren The End cando quererías saber que pasou despois. Das que se sabe que durará mentres vivas, e máis alá, cando os textos escritos en galego teñan esa cor amarela dos arquivos e hemerotecas. Porque a primeira poesía que escribín estaba na lingua de Rosalía. Xuntaba palabras, é certo, e non atopaba rimas. Mais o aquel de poetizar en galego é anterior a coñecer a existencia da poetisa de Padrón. Ás veces conxecturo que comezou cando as comadroas me falaron, como a tantas outras crianzas que pasaban polas súas mans. Pareceume o celme máis musical e fermoso do mundo. Pode haber lembranzas do primeiro son que escoitas cando saes do útero?
Custoume afacerme á fala. A escrita estaba algo mesturada entre normativa AGAL e RAG, porque o meu primeiro profesor ensinaba aquela e a segunda esta. Mais, como nacín en Ourense e me criei en Viana do Bolo, ir ao rego, ou visitar a meu irmao son expresións que me soan mellor que ese o con til ou ese n final. Así que son receptiva cara ó estreito parentesco co portugués, un único gran río que se separou en Tui. Mais escribo en RAG porque... Nin idea. A fala custoume máis que a escrita, como adoita pasar co inglés ou o latín. Leo catalán e italiano, aínda que case nada francés. Teño nos miolos que o galego é idioma dende antes de que o ensinaran na escola. Síntoo meu e forma parte da miña identidade.
Certo que son bilingüe. Ata os 23 non dixen ren en galego agás responder en clase ás preguntas da profesora desta lingua. E cando compuxen esa primeira frase entroume unha vergoña e inseguridade proverbiais. Podería ser alemán e non me custaría tanto. E se me dirixía a algún profesor metía tantos che e te mal empregados que aínda me dá noxo. Ese che deturpado que sae dos meus beizos de cando en vez. E como fora, falando con Benigna e con Azucena, aló pola fin de ano 90 e comezos do 91, saíume con naturalidade. Nun ano mellorara tanto que nin eu o cría. Claro que falo un castrapo con cultismos. E como a sinto tan fondo no meu ser, a fala ole a lume de lareira, chourizo en manteiga, freixós, prados e carreiros. E a néboa e a choiva. E a eucalipto e a piñeiro. Que lingua máis sinestésica!.
Ningún comentario:
Publicar un comentario