16.3.09

DEITADO FRONTE AO MAR


Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro


Deitados fronte o mar xente e xente... E o mar escoita como rebole o seu pensamento en busca de sosego. Nunha lingua, noutra e noutra, cada recuncho da nosa paisaxe (a praia de Camposancos, as fervenzas do río Toxa, as Fragas do Eume, entre outros tesouros) escoitan e comprenden a todos e cada un de nós, porque queren facelo, porque respetan e aman a quen os ama.

E se é tan doado isto de comprender e respectar, por que non nos deixamos de tonterías e empezamos NÓS a respectarnos e amarnos, a usar a nosa lingua para que a xente que nos visita siga véndonos como un pobo diferente, especial, cunha cultura propia. Por isto é polo que os demais queren volver unha e outra vez para ver eses solpores máxicos que enchen de luz dourada as meniñas daqueles que están abafados polo labor do cotián.

Pensas que alguén falaría de música galega, cine galego, literatura galega... se non foramos un pobo que soubo loitar para que o xigante da "globalización" non o engulira?

Pensas que Galicia tería o mesmo encanto e enigma en cada pedra, praia, vila, pazo...?

Por que pensas que á xente lle gusta vir á nosa terra? ...

Pois eu creo que é porque somos especiais e sómolo primeiro por posuírmos unha lingua propia que engaiolou ata o rei máis sabio; esa "musa das aldeas" que un profesor meu dicía que tamén engaiolou a Rosalía e que dende logo tamén te engaiolará a ti, se a probas!!!

Non credes que é hora de que nos amemos?. Se os demais os fan será por algo!!!

Se a ti non che importa que te miren por falares en galego... descoida, deixarán de facelo e ata lles parecerá ben.

Ultimamente estase falando moito da imposición da lingua galega. Pero pensade só un momento que a xente que fala castelán está falando unha lingua que lle foi imposta aos seus antepasados e esa imposición vaise herdando sen que lle importe a ninguén!!!

LINGUA QUE REXEITARON OS MEUS PAIS (ANTÓN TOVAR)

Borraran os letreiros dos camiños
cos ben amados nomes das antergas vilas,
dos silabarios das escolas algareiras
borraran o cantar humilde e puro
da lingua popular.

Sóio no escuro das lareiras
no apartado silencio dos labregos labios,
esquecida das espaldas poderosas,
boboriñaba a nosa ingua triste.

Aferrollada fora coma unha delincuente.
As maos sen calos do traballo,
requintadas e doces, relixiosas,
enfeitadas co ouro dos aneis
roubados ó suor dos pobres
empurraran a lingua nobre e pura
a un cadafalso de vergoñas.
Meus pais, tamén, amados ignorantes,
obedeceran as ordes que o espadón
desborcara na poza de Galicia.



Para verdes a presentación sobre o entroido usando os enlaces do mapa premede no seguinte link

10.3.09

O ENTROIDO DE LAZA

O resultado dos traballos do entroido que se poden ver na presentación anterior son froito do traballo en parellas do alumnado de 3º e 4º da ESO do IES A Xunqueira. Despois de buscar a información sobre o entroido que lles tocou a cada un fixemos a presentación final que vistes anteriormente.



Dúas alumnas de 4º A, Miriam e Sarah, conseguiron montar elas a súa presentación. Traballaron sobre o entroido en Laza e paráronse moito en describir como é o traxe, para iso achegan fotos moi boas que van ao detalle.

Podedes ver no blog dun compañeiro como se viste paso a paso un cigarrón de Verín, xa que as máscaras son parecidas: http://www.slideshare.net/xurxootero/como-se-viste-un-cigarrn?type=powerpoint

O ENTROIDO GALEGO

Achégate aos entroidos máis ancestrais da nosa comunidade a través desta presentación que nos lembra como son as máscaras de cada lugar e os seus rituais.
Seguro que nestes días pasados andastes de esmorga por algunha destas localidades.


Aproveito para comentarlles, a aqueles que sexan amantes desta festa ou da antropoloxía en xeral, que acaba de publicarse o libro As caras do entroido ourensán. Libro de 361 páxinas que ofrece información sobre os entroidos da provincia de Ourense e as zonas limítrofes de Zamora, O Bierzo e Portugal. Esta noticia publicouse na Voz de Galicia do 10.03.2009.