24.12.12

NADALIÑA





Este agasallo tan fermoso que me deixou unha amiga non podía pasar sen compartilo con tod@s os  lectore/as deste blog para desexarvos unhas Boas Festas e moita sorte para o 2013, tantas como pingas ten a chuvia ou estreliñas hai no ceo.

BOAS FESTAS DE CORAZÓN

LENDO DRAGAL

Da web dragal.eu
A triloxía de Dragal é moito máis ca unha viaxe fantástica ao mundo dos dragóns e todos os poderes que a escritora lle quixo atribuír. 

Se fiamos máis fino podemos descubrir boa parte da historia de Galicia dende os primeiros séculos ata a Idade Media. Son moitos os elementos históricos, pero ben dosificados e sen relentizar a lectura,  que nos dan acceso a este coñecemento: os cabaleiros da Orde de Dragal (ou de Santiago), as orixes do reino Suevo e a adoración pagá a un ser máxico e todopoderoso: o dragón, a chegada do cristianismo e  da evanxelización (Martiño Dumio), a morte e traslado dos restos do Apóstolo Santiago, o papel da Raíña Lupa na historia de Santiago, asistimos a clases de alquimia, arquitectura, astronomía, medicina, ou relixión (con todos os detalles sobre a data de celebración e o culto na Semana Santa) e ficamos sorprendidos unha vez máis do papel decisivo que xogan as mulleres en moitos momentos importantes da nosa historia sen perder o fío da lectura. 

Hai algo especial neste libro que nos ten cativos, as ansias de saber máis cousas da historia de Dragal, pero tamén da nosa historia. A conto disto, penso que aínda podemos ler o libro cuns lentes diferentes e interpretar a homenaxe que a autora fai ao dragón, un ser diferente, que foi perseguido e dominado ata case facelo desaparecer, como unha metáfora da nosa cultura. Hoxe máis ca nunca a nosa marca de identidade cultural, a nosa lingua, fica perseguida en silencio. Esta é a ferramenta máis poderosa, o silencia, a indiferencia, en Galicia poucos defende o noso, ese algo especial que nos caracteriza. Unha vez máis ficamos sometidos e encadeados como Hadrián dentro do seu cuarto, sen forza para pronunciar palabra, sen alento nin enerxia para expresar o que sentimos. Parece que tiveramos a pel impregnada co zume da submisión milenaria que vivimos dende a Idade Media e da cal non acabamos de desprendernos. 

No libro fálase de como a igrexa intentou desfacerse de todos aqueles símbolos que caracterizaban a cultura pagá que os nosos antergos defendían, porque os crían seres diabólicos. Pero a pregunta é esta: credes que conseguiron liberarnos dese “inferno”, como di don Xurxo ao referirse ao templo de Dragal e ao subsolo? 

Eu creo que no noso mundo segue habendo seres diabólicos ou monstros, moito máis poderosos que os das lendas e sobre todo, máis reais e daniños para todos nós. 
Moita xente fica perdida no labirinto da vida, pero desta vez non hai ningún nobelo máxico nin ningún puñal máxico que nos axude a vencer á besta e saír do xogo de carreiros.

Persoalmente o final decepcionoume, debe ser porque fico decepcionada na vida por moitas cousas ou porque a mentira me produce indixestión e anoxo. Como permanecer inócuos ao veleno da falsidade, da arrogancia e da falta de sentimento da xente coa que te vas cruzando ou que tenta dirixir este país? Está difícil, e como anuncia Elena Gallego na súa novela un novo tempo é chegado ou como din os maias a fin dun mundo é chegado.

12.12.12

HOMENAXE CELSO EMILIO

Mostras da homenaxe a Celso Emilio dende distintos recunchiños de Galicia.

DÍA CELSO EMILIO

Un día especial para unha persoa especial que tivo sempre o sentimento máis profundo gardado para a súa prezada Galicia. A Celso Emilio gustáballe chamar ás cousas polo seu nome, ir de fronte, e así nolo deixa ver neste fermoso poema que transmite un forte amor cara a nosa lingua, o galego, e que hoxe máis ca nunca debemos cantar todos ben alto.

Oxalá as musas que inspiraron ao poeta de Celanova iluminaran o camiño dos que hoxe deciden e manipulan o futuro do primordial símbolo da nosa identidade cultural coma galegos. 


Unha versión moderna e orixinal do poema de Celso Emilio demostra que calquera lingua é apta para todo aquilo para o que os propoñamos usala!!
 

DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa nan saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruis e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

29.11.12

CONCURSO NARRACIÓN BREVE

concurso by LoliCid
concurso, a photo by LoliCid on Flickr.

Animádevos a participar no "22º certame Manuel Murguía de narración breve" no que poderedes dar renda solta á vosa imaxinación.

26.11.12

23.11.12

ENTRELIÑAS


Novo blog sobre lecturas onde podemos atopar actividades para xogar despois das nosas lecturas. 

21.11.12

TOPONIMIA DE VIGO


Porque nunca está de máis saber de onde vimos aquí vos deixo o enlace a un blog elaborado polo Servizo de Normalización do Concello de Vigo. 

Dende este espazo preténdese recuperar e compartir o patrimonio cultural da zona no ámbito da Toponimia. 

Non deixedes de botarlle unha ollada.


14.11.12

DEITADO FRONTE AO MAR

Unha vez máis Celso Emilio e o seu poema Deitado fronte ao mar cruzando fronteiras, neste caso as do tempo. Unha e outra vez a potente mensaxe que nos transmite o poeta é interpretada por unhas, e outras e outras xeracións. Todas o fan diferente, pero todas  amosan o gusto e o cariño polas cousas auténticas de Galicia, a nosa lingua.

Aquí deixo o video realizado no obradoiro de animación Plástica As Barxas
Alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato coordinados por Luz Beloso
Música escrita, gravada e producida no obradoiro Músicasbarxas
Alumnado de 1º Bacharelato coordinado por Seso Durán
Voces: Jennifer Cancelas, Iria Collazo, Katia Alonso, María Gómez, Lucía Parcero, Emma Sotelo, Ana Rodríguez, Andrea García, Ismael Otero, Álvaro Carballido, Alejandro Iglesias e Seso Durán.
Guitarra eléctrica: Luis Camilo Fernández.
I.E.S. As Barxas (Moaña)
AudioVisual As Barxas
Curso 2012 - 2013


13.11.12

LEI WERT (25-09-2012)

Para que alumnado e profesorado se manteña informado dun xeito claro nada mellor que esta presentación de Marlou no SlideShare. 
 

7.11.12

UD Dragal I


A web do libro: DRAGAL 

Axuda para os/as profes:  guía

  UD Dragal I
O cuestionario de DRAGAL I 

EU FALAREI


A comunidade educativa do IES de Chapela  gravou este ano o LIPDUB EU FALAREI.

A música do "I will survive" de Gloria Gaynor e a letra escrita polo EDLG de Chapela, son unha mostra de amor da Lingua Galega e unha denuncia da situación que vive o noso idioma, que esmorece lentamente e perde falantes entre a xente nova.

Podes ver o  MAKING-OF: http://youtu.be/HCsm1Wv9xXw
Onte mesmo,  o lipdub EU FALAREI recibiu o 1º premio no IV Certame OUFF Escola do 17 Festival Internacional de Cine de Ourense. http://youtu.be/u0ae65sIIEw

Parabéns polo magnífico traballo.


23.10.12

DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

  
24 DE OUTUBRO DÍA INTERNACIONAL DAS BIBLIOTECA 

QUE FARIADES VÓS SE FÓSEDES UNHA BIBLIOTECA PARA TER MOITOS LECTORES CADA DÍA?

19.10.12

Unha pantasma inocente

Esta mañá rematamos as montaxes no curso de audiovisual. É unha mágoa que non puidese ir a Panxón a gravar as escenas deste video pero é unha proposta de actividade que sempre podemos facer co alumnado!!! 

 Como esta novela gusta tanto tiña moitas ganas de xuntar algunhas das imaxes dos escenarios da novela para facer collage que recollera algún dos momentos máis importantes do libro. 

Pido desculpas pola calidade pero son tempos de recortes no ánimo tamén!!! Estes días andei de visita por blogues dalgúns compañeiros e decateime de que levo tempo sen aprender cousas novas e moi interesantes que vin! Pero unha cousiña, non son a única workaholic!!!! 

Espero que vos guste, cando menos un pouquiño.

Decarga o  guión.




Aquí tes só o audio

Ir a descargar

9.10.12

FIGURAS LITERARIAS

Déixovos un enlace dun artigo que atopei no 

blog REMEXENDO NA LINGUA para que 

poidades traballar a comprension das figuras literarias. Cando visitedes a web poderedes ver que tedes unhas actividades interactivas coas cal aprenderedes dunha forma entretida uns contidos que na clase sempre vos custan máis.

Gracias aos compañeiros por este bo traballo.

NOVAS FORMAS DE TRABALLAR


Unha páxina que recolle o proxecto educativo 

do alumnado de 4º da ESO de Xano.

Parabéns! Non só queda claro que traballamos moito, senón que nos gusta o noso traballo.

UNHA DE HEROES

17.9.12

Velocidade lectora

Hoxe comeza un novo curso escolar e non vén de máis poñer a proba a nosa capacidade lectora. Tamén os estudantes teñen que entrenar a súa mente, non só os deportistas o seu corpo, por iso vos propoño o seguinte reto.

Déixovos un enlace da Junta de Extremadura no que atoparedes exercicios para mellorar a velocidade lectora. Non está de máis comezar o curso engraxando o noso cerebro a través da ferramenta que  nos permite acceder ao coñecemento: a lectura da información.

                           Exercicios interactivos de velocidade lectora

12.9.12

Xuízos a Romasanta

Un agasallo para @s amig@s que tanta paixón puxeron na rodaxe deste filme que fala un pouco máis da nosa historia e dun dos personaxes ligados á miña vila, Allariz.

Espero que vos guste.



Xuizos a Romasanta from AINET CONSULTING on Vimeo.

21.8.12

PAÍSES DO MUNDO

Máis xeografía!!

Se queredes practicar onde queda cada país do mundo no enlace de abaixo tedes un pequeno xogo a través dun mapa interactivo.

MAPA

9.8.12

A COÑECER GALICIA XOGANDO

Interesantes actividades de mapas interactivos para coñecer de preto as distintas comarcas de Galicia. 

Se premedes no mapa iredes á páxina onde atoparedes as mencionadas actividades e outras máis. A XOGAR!!! Quen sabe máis?
 


31.7.12

Gunnar Huttunen, un muiñeiro cun costume raro para os seus veciños da Laponia: gustáballe ouvear polas noites ata o punto de poñelos histéricos.

Porén, a súa intención é simplemente expresar a súa tristeza ou felicidade. Polo demais un home normal e traballador que por ser diferente é marxinado e marcado polos mandamais do lugar. O médico non para ata certificar que está tolo e que deben encerralo nun manicomio do cal consegue fuxir para voltar ao seu muíño a carón do rio Kemi.

Tan só a asesora agrícola, da cal acaba namorando, será quen de ver ao ser doce que se agocha tras o gran Gunnar. Si, parece a historia de amor da princesiña fermosa e a besta.
Os demais perségueno día e noite polo monte, como se fose un animal, mesmo chaman ao exército.

A lectura desta novela de 269 páxinas de Arto Paasilinna levaravos a reflexionar sobre un tema moi delicado: que é ser raros ou diferentes? Acaso non o somos cada un de nós a nosa maneira?  Eu penso que si. Pero resulta un pouco incómodo todo o que sexa diferente e enriquecedor cando os esforzos da nosa sociedade se encamiñan cara a igualación e globalizacíon. E non pensemos nunha sociedade xusto despois da 2ª Guerra Mundial atrevéndote a desafiar ás autoridades uo a despuntar porriba deles, como fixo o noso heroe.

Un pouco volvemos cara atrás e as clases dirixentes loitan por ter cada vez máis poder grazas a quitárllelo ao pobo, a marxinalo. Quizais nós tamén estamos tolos por crernos libres, diferentes, unha cor máis que pinta o mundo... e se non o estamos queren facernolo estar... o mesmiño que a Gunnar... mais o noso heroe consegue a liberdade e vingarse dos seus perseguidores. E nós? Conseguiremos a nosa liberdade outra vez?
do blog do libro
Moitas persoas me recomendaron este libro e de verdade que acertaron de cheo. Facía tempo que non gozaba coa lectura desta maneira. 
A autora transmite con palabras concisas os sentimentos que anegan a cada un dos protagonistas. Os trazos sensoriais da súa prosa permítennos gozar das cores e sons de Tetuán, Madrid, Lisboa e cada un dos lugares ou escenarios polos que se moven os protagonistas.
Houbo momentos nos que me parecía estar vendo unha serie e paraba para comer e estaba pensando que tiña que ver como seguía. Nin a TV consegue isto a maior parte das veces.

Un exemplo de superación da muller nunha sociedade machista e convulsa na que había que andar con pes de la para saber cal era o mellor aliado, primeiro na Gerra Civil española e logo na Segunda Guerra Mundial, épocas históricas que enmarcan o días a día dunha Sira, núa e desprotexida nos primeiros capítulos, mais forte, rexa, madura e segura cara o remate.

Novela tamén de desenganos amorosos e feridas que a protagonista só poderá curar con puntadas miúdas para facer un zurcido que o paso do tempo se encargará de pulir para convertela nunha muller refinada que pasa a ser unha modista de alta costura e espía británica.

Só lle poría unha pega, que remata. Non me improtaría nada seguir lendo outras 600 páxinas.

30.7.12

LAGAR ROMASANTA

Neste verán apático no que non hai clases de baile, no que non hai vacacións coas rapazas, no que non hai viños en Ourense... parece como se a miña dorna ficara lonxe da quentura da area da praia da Lanzada ou de Areas e devecendo polos aloumiños de cada vaga que vén e vai arrolandome. 

Quedei varada en tardes longas de lecturas dispares que chegan ás miñas mans e sen un norte claro. Aínda que gozo con cada liña que me permiten viaxar polas rúas de Barcelona, con Ruíz Zafón; por Marrocos, con “Tiempo entre costuras” ou polos montes dos países nórdicos con “O muiñeiro ouveador” faltame actividade, as risas cos rapaces e as carreiras para riba e para abaixo no centro. 

Porén hoxe rachouse esa monotonía e achegueime ao bacelo de meu pai. Coma cada verán son a encargada de mudarlles ás cepas o traxe de inverno para deixalas a escarrola, máis lixeiras e atrevidas, ensinando cada vago coquetamente para que o sol morno das tardes de verán vaian dourando pouco a pouco a súa pel. Nas abas do monte de Penacova fican estantías as cepas do bacelo de Lagar Romasanta, ben á raxeira, doentes de calor, mais tamén dunhas pingas refrescantes que enchan de zugo e engorden os acios que este ano naceron tarde por falta auga. Están aí quietiñas, en ringleiras, ordenadiñas e mirando de enxergo cara a vila de Allariz.


4.7.12

Aprende _ Aid

 Aid, unha vez máis coa cultura galega rapea a Rosalía, "A xustiza pola man". Vede Sermos Galiza

Lecturas

Algunhas das valoracións que o alumnado do IES de Mos fixo sobre algún dos libros que se leron car afinal deste curso que vén de rematar. 

14.6.12

Fotopoemas Celso Emilio Ferreiro

Fotopoemas do alumnado de 4º da ESO do IES de Mos.

Homenaxe Celso Emilio

Para conmemorar o centenario do nacemento do poeta de Celanova o alumnado de 4º da ESO recitou algúns dos versos de Celso Emilio.

Eu en ti , María Jorge

Ti e máis eu, Aldana Colmán

Aire Puro, Edwar

Irmaos, Mónica Fernández

Un home, Carla Cambeiro

Inverno, Carlos García




26.4.12

Escoitar a Valentín

No blog de Son de Poetas xa podemos escoitas un dos poemas de Valentín. Todo un luxo porque é moi complicado atopar os seus poemas. Grazas Xoán. 

25.4.12

Valentín Paz Andrade

Despois da lectura de varios ensaios sobre a vida do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas deixo este libro resumo dalgúns dos feitos máis importantes nos que participou. Xa sei que faltan moitos detalles, pero a vida de Valentín é tan ampla e rica que poderiamos escribir follas e follas debido á loita incansable que el levou a cabo por Galicia e pola súa apertura cara o mundo durante o século XX. 


19.4.12

VALENTÍN PAZ ANDRADE: Compromiso con Galicia

Aquí tedes ao fillo do ilustre Valentín e algúns estudosos falando do compromiso do persoeiro con Galicia.

Mirade o video con atención e despois repondede ao cuestionario de verdadeiro/falso que tedes debaixo.




Cuestionario sobre o vídeo.

Verdadeiro Falso Vídeo Compromiso con Galicia



Corrixe aquí:

VALENTÍN PAZ ANDRADE


Non queda moito para as Letras de 2012 e debemos ir sabendo algo máis sobre Valentín Paz-Andrade, ese home "poliédrico" como o define seu fillo e que tivo sempre como norte GALICIA, por quen viviu e morreu.


Mirade este video do CPI dos Dices, Rois. Con formato de telexornal o alumnado vainos presentando as distintas facetas de Paz-Andrade. Non perdades pista da información que se dá e ide respondendo o cuestionario que atopades debaixo.





Aquí tes as preguntas.

Preguntas Vido Telexornal Paz Andrade



Corrixe as túas respostas

18.4.12

O galego nas rúas de Ourense


Interesante video de catro alumnas de 1º de bacharelato do IES Blanco Amor que procuraron en Ourense na pescuda da cartelería en galego. Compartena connosco neste vídeo.




13.4.12

Fauna máxica de Galicia

Como narrador de posguerra Cunqueiro foi o encargado de introducir ao alumnado nun bosque moi especial no que habitan animais non menos especiais coma o Gatipedro.

O alumnado de 4º da ESO tiña unha tarefa fundamental este curso. Debido aos grandes lumes do verán e de comezos de ano moitos destes seres desapareceron. Pero non vos preocupedes que fixeron unha longa viaxe na procura de novos animaliños que garanten que a máxia siga habitando nos bosques galegos.


11.4.12

Falando de libros...

Que che pareceron as lecturas deste trimestre?


Moonkid e Liberty __________________ Gladis Ferreira Troncoso, 4º A

O libro recoméndollo a todo o mundo porque me gustou moito a trama, pero especialmente o o fermoso e real trasfondo.

Aínda que non deixa de ser unha historia bastante típica, gustoume moito a maneira en que o autor plasma as diferentes personalidades e pensamentos que invaden aos adolescentes. Amosa moi ben en Ian a filosofía dos "frikkies" ou das persoas rexeitadas pola sociedade, que viven no seu mundo e que non lle importa a opinión dos demais. Máis ben viven exclusivamente para as súas afeccións e as súas paixóns sen manter moita relación coas persoas que os rodean.

Na outra cara da moeda está Libby, cunha personalidade moito máis extravertida. Este personaxe vive pendente de ser popular, rodearse de xente coñecida e poder aparenter ter un alto nivel económico. Coa súa figura o autor critica o superficialismo, o materialismo ou a avaricia dalgunhas persoas. Ao mesmo tempo, alude ao mimetismo ao globalización das sociedades.

O final da historia paréceme exemplar con esa lección moral na que se deixa ver que non é tan importante o que pensen os demais de ti, nin tan importante ter que gustar a todo o mundo... senón que o verdadeiramente importante é o que unha persoa garda no seu interior e que as persoas importantes son as que tes sempre ao teu carón.
Así, Ian aprende que non se pode allear un do mundo e crearse problemas que só existen no seu maxín, senón que hai que enfrontarse aos problemas que nos van aparecendo día a día na vida, intentando superalos, recoñecendo que todos nos podemos equivocar de cando en cando e que non está mal iso de pedir axuda aos demais se a precisamos; así é como medramos como persoas.

C antos falamos galego?

Mapa que amosa a porcentaxe de galegofalantes por municipio.

10.4.12

Falando de libros...

Que che parecerecon os libros que liches este trimestre?

COMEDIA BÍFIDA_________________Raquel García Gómez, 4ºA

O libro gustoume porque se poden ver diferentes prexuízos cara o galego que pasan na vida real.

Eu, por exemplo, non estou tan acostumada a falar galego na casa só no colexio eon moi poucas amigas, xa que a maioría non o falan a diario, pero non o falan nin meus pais nin meus avós e por iso me resulta moi difícil, por falta de costume. En certa medida comprendo a situación das dúas adolescentes de Vigo e da Coruña. Aínda que o intentes falar non é fácil, aínda que te propoñas falalo non che sae só e tes que practicalo moito porque non o dis tan ben coma o castelán.

A lectura fíxose entretida e decateime de que si que hai prexuízos cara o gaelgo e que todos deberiamos facer un pequeno esforzo por falalo máis, e eu sobre todo, para non perdela, xa que é unha lingua máis coa que nos comunicamos e forma parte de nós.

Falando de libros...


Que che pareceron os libros que liches este trimestre?


O DIARIO VIOLETA DE CARLOTA_________Bea Calviño Romero 4ºB

Segundo o meu punto de vista o libro paréceme moi bo, xa que non é coma os demais, eses nos que a protagonista é unha adolescente e só se centra no amor. Este libro fala dunha realidade que, por desgraza, aínda que non a queiramos ver, existe: a discriminación das persoas e das mulleres.
Só se trata de amosar un pouco de interese polo tema e na vida cotiá xa podemos encontrar co machismo, co pouco aprecio polas mulleres. Nós mesmos, sen decatarnos, podemos cometer un acto de discriminación cara as mulleres sen decatarnos que son un ser vivo máis e non hai que tratalas con diferenza, senón co mesmo respecto ca todo.
Paréceme moi acertado o feito de introducir a avoa como elo de unión entre a protagonista e a historia da muller noutros países. Grazas aos seus mails poderemos coñecer a situación da muller na India ou en África por citar algúns dos sitios nos que a situación das mulleres e inxusta e tráxica.

O libro pareceume xenial e ensinoume a ver cousas moi evidentes e que eu descoñecía. Aínda que ao final foi algo "raro" gustaríame ler outro libro da autora e dende hoxe levarei os "lentes violetas" como ela di.

Falando de libros...


Que che pareceron os libros que liches neste trimestre?

NA SOLAINA_____________________Mónica Fernándes del Pozo, 4º A

Ao meu xuízo, este é un llibro bastante completo. Destacaría a maneira de presentar os feitos; é dicir, que a través da mirada de Ana, madura e lonxeva, se conta com tanto agarimo e coidado a súa historia de amor con Daniel, ademais da sorte que lle deparou a vida a cada un. Destacaría tamén a ambientación da historia, a realidade dunha época descrita con fidelidade e que moitas veces non somos conscientes de que non fica tan lonxe.

Outra cousa positiva da lectura é a forma en que escribe o aoutor unha historia máis ou menos predicible, pero que non perde a maxia e te conecta coa lectura as 240 páxinas.

O que menos me gustou da obra foi a maneira en que se pon de relevo a vida dos campos de ocncentración de exterminio europeos. Non é que se esaxere, foron así ou peores, pero fere a sensibilidade de persoas que estando pouco afeitas a historias tan tristes poden sentirse magoadas coa lectura.

Palabras adozas con cariño

Quería publicar hoxe as palabras de agarimo que me alegraron o primeiro día de traballo despois duns días de descanso, xa que é un pracer poder ler uns versos cando son froito dun sentimento fondo e auténtico de amizade que parece alimentar da distancia.

Hoxe xoguei coa túa alma, fun cruzar o mar,
fun voar pola ruta que me trazou o teu recordo.
Camiño polo sendeiro do destino e refúxiome
naquela mirada que unha vez me regalaches.

O regalo da motivación e recoñecemento do positivo! Merece a pena ser profe, ou non?

3.4.12

QUE CHE PARECEU A MARIÑEIRA?

Mónica Fernandes del Pozo, 4ºA

O filme galego de Antón Dobao "A mariñeira" está baseado no libro A mariñeira de Quilmas de Darío Xohán Cabana.

Na miña opinión está bastante ben feita, e merece as mencións e recoñecementos que no seu día lle proporcionaron diversas institucións, tanto galegas como do extranxeiro (de Berlín, Sofía, Houston, etc.). A película fai unha importante reflexión da vida en xeral no transcurso da Guerra Civil Española (1934-1936), pero profundiza no papel que lle tocou desenvolver ás mulleres da época, unha difícil situación que comprendía compaxinar os novos roles que tiñan que asumir moitas delas polos ideais dos seus homes (que na maioría dos casos se víron obrigados a fuxir do seu lugar de residencia para non ser capturados e fusilados, torturados, explotados, etc.) e coa súa anterior situación, nas que se vían privadas das súas liberdades e de certos comportamentos pola súa condición de muller.


Recordoume a dúas cousas: á primeira foi ao libro de "A Solaina" que lín durante a segunda avaliación, o cal abordaba unha historia similar, no que, por exemplo, unha moza tamén ía a agachadas ao monte en busca do seu namorado, que fuxía do bando militar. Esta historia tamén acontecía na Guerra Civil en Galicia, e tamén retrataba as atrocidades acontecidas naquela época. E o outro ao que me recordou foi aos meus avós maternos. En especial á miña avoa, xa que naceu no medio da Guerra, e continuamente fai referencias ao que lle contaran daquela época, xa que eles son de Extremadura, e a súa vila foi unha das máis castigadas do país, pero que por moito que che conten non o imaxinas se non o vives o se non te achegas á verdadera historia, por exemplo, por películas deste estilo.

O único defecto que lle vexo é que a trama non é moi elaborada, é dicir, que a historia en si é moi corrente, describe ben a situación da época pero é porque está ben feita, e se está baseada nun libro como xa citei arriba non sei ata que punto éste será bo.


Raquel García Gómez, 4º A

A película da Mariñeira pareceume bastante boa e moi axeitada para a parte de literatura que estamos a ver, xa que fala das represións e das persecucións dalgúns dos homes.Vemos como morren moitos dos veciños da protagonista e como ela segue sendo forte e levando a diante os seus fillos e axudando á súa amiga mentres os seus homes escaparon monte arriba.

Víase a unha Muller traballadora da época na cal ela falaba o galego e a vez viase o xuíz, as persoas con máis cargos falando en vez de galego o castelán. Vese aí a diferenza de clases e de prestixio das linguas como o estudamos na clase: aparece o prexuízo de que o galego o fala a xente menos instruída do rural (a moza, por exemplo) e por outro lado a xuíz, que fala en castelán.

Non me gustou tanto o final xa que pensei que non ía morrer o marido e menos que ela soupera que morrera pero que seguía indo ao monte onde morrera e mais que levara as súas fillas logo a ensinarlles o sitio onde estaba enterrado.

Gústoume a forma de contalo, que fora a súa afillada, dende a actualidade e motivada polo reocrdo que lle produce a noticia da morte da madriña, a que contaba toda a historia mentres falaba co mozo e compartía a súa dor.

En resumo, a película gustoume bastante e pareceume moi boa elección para a parte que estivemos a estudar, sobre a represión e as persecucións pola defensa duns ideais e dos dereitos do pobo. Ademais tamén se reflexa a diferenza duns que falaban galego e outros castelán.

Alba Rodríguez Carrera, 4º A

Creo que é unha película onde che ensinan cómo eran eses terribles anos nos que transcorreu a Guerra Civil. E como as mulleres tiveron un papel importante tanto nas familias como a nivel político, xa que tiñan que pórlle cara á policía e a administradores dos concellos e demais.

A lingua dos aldeanos era o galego, aínda que naquela época estaba prohibida.

A película ten que ver cun libro que lin na escola, chamado S.O.S. de Carballude, no que pódes encontrar a un avó, mestre republicano, que lle conta o seu neto como tivo que fuxir ó monte por medo ós policías, refuxiarse nunha cova e subsistir grazas a súa irmá, que ía levarlle comida e víveres.

Sara Alonso, 4º A

Esta película está ambientada na época da ditadura de Franco. Aquí discriminábase ó galego e a todo aquel que o falara e non fora importante. As mulleres non eran consideradas importantes e os ricos, curas etc. tratábanas coma obxectos. Se os homes labregos case non tiñan dereitos, as súas mulleres moito menos.

Durante este período todos os homes que se opoñían á ditadura e votaban, co fin de conseguir unha democracia, eran perseguidos e asasinados polos policías ou soldados corruptos.

A única forma de sobrevivir que tiñan os homes, era a de esconderse no monte ata que acabara a guerra. (Como ocorría co avó do protagonista de S.O.S, que se agochaba na mina de Penacova). Os homes agochados sobrevivían grazas as mulleres que arriscaban as súas vidas por axudalos, levándolles alimento e demais recursos.

No filme, a muller ten unha gran importancia xa que despois de atopar ao seu esposo morto, sen dicir nada a ninguén, nin ás súas fillas, foi ela quen levou a cabo todos os incencios, as revoltas e as vinganzas contra a clase alta en nome do seu marido. Isto demostra a importancia das mulleres durante e despois da guerra, xa que a maioría, ao non estar os seus maridos, tiñan que pórse a traballar nos postos dos homes, ou por exemplo ir ó mar, para logo vender o peixe e así sobrevivir.

Grazas aos labores destas mulleres nesta época, agora podemos vivir máis ou menos, nunha sociedade con igualdade de condicións entre homes e mulleres, aínda que sempre quedan cousas por mellorar.