18.12.09

O FUTURO ROUBADO

Esta novela de Ficción e ecoloxismo de Ramón Caride lévanos a vivir aventuras que nos recordan as películas de Regreso al futuro. E tamén nos ensinan cal é o prezo que pagamos polas ambiciosas ansias de enriquecemento que teñen uns poucos. Aprendemos que a natureza é un ben cultural máis que debemos coidar para que gocen del os nosos devanceiros. Ademais é unha boa lectura para esta avaliación porque a narradora, Irina, despídese do lector desexándonos bo Nadal e convidándonos a marabillarnos coas pequenas cousas ou grandes tesouros, segundo se lea, que temos en Galicia.


O futuro roubado

O APALPADOR

Neste Nadal crea unha felicitación diferente baseada na figura deste personaxe galego.

Primeiro lede este conto que publicou en Calameò o Ceip Alexandre Bóveda.



Publish at Calaméo or browse others.


Agora podedes saber máis sobre a figura do Apalpador facendo a seguinte webquest.

15.12.09

Corredores de sombras, Agustín Fernández Paz

Este é o libro de lectura do Nadal para 2º da ESO.

Paréceme unha forma interesante e moi atractiva de achegarlles un tema vello dunha forma nova. Se vos parecía desgastada a temática da Guerra Civil, aquí tedes un texto máis que interesante para achegarse aos acontecementos históricos que relatan os momentos previos á guerra, a dureza da guerra e a persecución da posguerra.

Atoparedes intertextualidade con poemas como "Cunetas", de Pimentel ou "A lingua das bolboretas", de Manuel Rivas.

Tamén ides atopar agochada entre as palabra inofensivas de Clara a denuncia dalgúns dos problemas sociais máis actuais: o racismo, o machismo, os subornos ou falta de xustiza, a clonación dos adolescentes, a diferenza de clases, o despotismo ou o feísmo urbanístico entre outros moitos.

Ademais diso, a novela permíten
os facer unha pequena excursión polas terras do Eume. Podemos ir unha tarde de sol á praia de Cabanas ou facer unha ruta de sendeirismo nas Fragas para visitar o Mosteiro de Caaveiro e mirar como o río baixa "brillando coma unha serpe inmóbil tendida ao sol". O autor non escatima á hora de presentarnos con todo luxo de detalle cada un dos recunchos nos que acontece a trama, polo que unha persoa allea a Galicia quedará cunha imaxe ben forxada da nosa paisaxe.

Aquí tedes a ficha de traballo: Corredores de Sombra Agustín Fernández Paz




2.12.09

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Podemos dicir que a semana pasada xirou ó redor do día 25 de novembro.

O alumnado de 2º da ESO, logo dun mes de traballo, realizou unha presentación combinando as imaxes e a música que atoparon sobre a violencia de xénero coas súas frases sobre o mesmo tema. O citado día puxémolas nunha pantalla na entrada do centro e todo o mundo estaba véndoa coma se estivesen no cine, mesmo tivemos que repetir.

Espero que a vós tamén vos guste e teñades unha conexión boa para que vos cargue o video.



Tamén fixeron unha exposición no centro na cal deixaron as súas mensaxes no muro "Que lle dirías a un maltratador", título dun concurso que organizaba o Concello de Lalín e no cal participou o noso alumnado.

Aproveitamos a disposición do centro para colgar o nome das vítimas que este ano morreron a mans das súas parellas, logo de procurar información na rede. Pola disposición da exposición daba a sensación que un/unha estaba rodeado de "MORTAS" e o efecto foi o desexado. Todos/as quedaban sorprendidas do elevado número de mulleres que levan morrido xa este ano e tomaron conciencia da gravidade dos feitos.




Como vedes na primeira imaxe deste video o día rematou cun acto no Obelisco, onde cada quen podía levar un par de zapatos co seu nome para solidarizarse coas vítimas de violencia de xénero. Outra vez penso eu que se conseguiu o efecto desexado, xa que, quen reparar naquela morea de zapatiños orfos, non podía deixar de imaxinar a de familias rotas e nenos sen nais que esta lacra social deixa en España cada ano.

E para rematar a semana nada mellor que un curso sobre "Linguaxe e xénero" no Reitorado da UC acompañada das miñas compañeiras de departamento. Todo un luxo non só gozar da súa compañía, da oratoria de personaxes do mundo da cultura galega e dun marco incomparable. Todo un pracer desconectar de cando en cando engaiolada polo doce movemento das ondas que manseniñamente levaban os barcos dunha ría a outra, transportándote a ti tamén a gozar un intre dos moitos recunchos máxicos que ten a nosa costa.

1.12.09

Lecturas para o ANO DA ASTRONOMÍA

Xa que estamos no Ano da Astronomía aí vai unha proposta de lectura con esta temática: O contador de estrelas de Jaureguizar.




Outra lectura interesante é navegar un chisco polo espazo do PRINCIPIÑO.

12.11.09

Para que serve o galego

Mar, deixo aquí a presentación que nos trouxeches ao departamento baixo o título "Para que serve o galego".
Intentarei subila á Wiki tamén. Paréceme unha mareira moi gráfica de que a xente vexa que hai todo un mundo detrás da nosa lingua, e cando falo de "mundo" refírome a unha morea de información que a maior parte da xente ignora que existe e que nos fai estar aí.


1.11.09

IES Sangriña

Un instituto ben especial por moitos motivos para min, e como unha pequena homenaxe aos meus compañeiros e compañeiras deixo a nova que daba conta do premio que recibiron un grupo de docentes sobre a aplicacións enerxéticas na Galicia pre industrial.

Na seguinte presentación veredes un recital poético máis que interesante.



Ao final déixovos a ligazón por se queredes ver a presentación completa.

28.10.09

Audio: O SURF

Aquí deixo o audio para que o alumnado da ESA conteste as preguntas de comprensión que lles facilitei o úlitmo día de clase. Escoitar só unha vez e responder.

Get this widget Track details eSnips Social DNA

A voltas coa normativa do 2003

Como aínda hai alumnado que a estas alturas anda un pouco perdido cos cambios que se produciron na normativa do 2003, hai vai unha presentación onde se recollen esas pequenas mudanzas.
Non podo crer que aínda haxa xente que pensa que estamos cada ano, ou mellor dito, e cito palabras textuais: "Con cada goberno" teñamos unhas normas novas. Non señores/as, non é así. Admitamos que tiramos pedras contra o noso tellado cando nos dividimos e cada un defende un tipo distinto de norma ortográfica, pero agora que parece que todos chegamos a un consenso non poñamos máis obstáculos e deixémonos de andrómenas e FALEMOS GALEGO como mellor saibamos, que ninguén vai ser xulgado por dicir librería ou libraría.


27.10.09

Fomentando a igualdade

Aquí vos presento unha unidade didáctica tirada do STEG para traballar con motivo do Día Mundial Contra a Violencia de Xénero, o 25 de novembro.





Aquí deixo a nova UD do steg


Achego tamén unha canción que me trouxo un alumno cando lles propuxen o tema. É a historia dunha moza que comeza sendo feliz e remata... índagade escoitando o video. Gráfica e realista, poderiamos dicir, unha historia que ocorre calquera día en calquera recuncho da sociedade.








26.10.09

RAMÓN PIÑEIRO

Sara, Laura, Marta e Cristian, Xa sei que hai moito tempo que debía ter colgada a vosa presentación, pero din por aí que vale máis tarde ca nunca, non?
Espero que este curso, esteades ou non no IES A Xunqueira, sigades traballando igual de ben e con máis ganas que o curso pasado. Un saúdo e un bico moi forte para todos. Moito ánimo.






VIAXE POLA LINGUA GALEGA

Preséntolles ao alumnado da ESA a actividade coa cal poderán facer unha viaxe de milleiros de anos pola nosa lingua.





14.10.09

O multilingüismo

Aquí deixo a presentación que empregamos na aula de adultos para falar da situación das linguas no mundo, en Europa, España e Galicia.

Podedes descargar a presentación e gardala para vela con maior comodidade.


9.10.09

QUEREMOS GALEGO

A plataforma cidadá QUEREMOS GALEGO convoca unha gran manifestación en favor da lingua para o vindeiro domingo 18 de outubro en Santiago de Compostela.
QUEREMOS GALEGO é unha plataforma cidadá, conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada.




30.9.09

A PRAIA DOS AFOGADOS

Gústanvos as series americanas de detectives? Pois facede chegar ás vosas mans a novela de Domingo Villar, A praia dos afogados.

Este libro tivo moi boa crítica. Con el mergullámonos nas augas das Rias Baixas para indagar que lle ocorre ao Rubio, mariñeiro de Panxón que aparece morto na Praia da Madorra. A transparencia do título anticípanos a figura dun inspector, Leo Caldas, que indaga co seu equipo de axudantes (ao máis puro estilo CSI Panxón) como se afogou o personaxe.

O máis curioso de todo é que nun principio o principal sospeitoso é o pantasma do capitán Sousa, que morreu fai máis de 10 anos no naufraxio do Xurelo, barco no que traballou o Rubio. E o sorprendente é que a investigación non só vai proporcionando pistas sobre o caso, senón que nos permite descubrir os problemas vitais das personaxes e de determinadas clases sociais que deambulan polas 500 páxinas.

Nesta novela de xénero negro atopamos suspense, por suposto, algúns tópicos galegos, unha homenaxe ao mundo do mar e do viño e sobre todo á paisaxe galega. Coa lectura desta novela chegamos a cada recuncho das aldeas e vilas de beiramar (ex.
Aguiño) dende Baiona ata a Ría de Pontevedra. As liñas semellan sendeiros que nos levan dereitiños a Monteferro e dende alí divisamos as Illas Cíes, Ons, Estelas; o Cabo Home, A Serra da Groba, a Praia América, Ladeira e a da Madorra entre outros moitos fermosos lugares desta zona de Galicia.

27.8.09

A Virxe do Cristal

Achégovos un dos traballos que fixemos no IES A Xunqueira coa lenda da Virxe do Cristal de Curros. Desta meneira podemos coñecer como "disque" apareceu esta virxe, da cal o escritor ten noticias por súa nai. Para os/alumnos/as deste centro resultou sospeitosa a historia desta virxe que podedes visitar na capela de Vilanova dos Infantes, Celanova. Pero o curso pasado fixen a mesma actividade con alumnos do IES de Celanova e os resultados foron sorprendentes porque estaban moi motivados ao coñeceren de primeira man a protagonista dos seus comics.



23.6.09

Presentación Letras Galegas 2009

Aquí podedes ver cal foi o resultado do traballo de 4º ESO A de Sara, Marta, Cristian e Laura que fixeron sobre a figura de Ramón Piñeiro co gallo da celebración do día das letras deste ano.



15.6.09

Festa do boi 2009

Grazas Vicente por amosarme unha nova ferramenta para crear videos con fotos.

Fixen unha pequena proba cunhas cantas fotos da festa desta fin de semana en Allariz. Despois de catro anos sen pisala polas oposicións, puiden comprobar que segue acudindo tanta xente coma sempre. Simplemente IMPRESIONANTE a masa de mozos que pode chegar a mover este evento, e malia a estar como estaban cada vez hai máis civismo.

Probade coas vosas fotos é moi doado e cómodo porque podedes subir xa directamente dende ANIMOTO o vídeo a youtube.

Maratón 2009

10.6.09

BOCABERTA


Bocaberta é o novo programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega nas franxas máis novas. Trátase dun ambicioso programa de actividades, que se desenvolverán coa colaboración das principais editoriais en preto de 300 concellos de toda Galicia, dirixidas a nenos e mozos de entre 3 e 18 anos. Teatro, grafitti, emisións radifónicas, contacontos, exposicións, proxeccións audiovisuais... conforman Bocaberta.

Así se nos presenta a nova campaña de Política Lingüística para o fomento da lectura para as xeracións menos sensibles ao uso do galego. Para iso fixéronse colaboracións coa Revista xuvenil Galimatías, coa Editorial Xerais, coa Editorial Calandraca, creouse a web www.omundoengalego.eu para colgar os traballos que van facendo os/as nenos/as e os/as mozos/as ó longo da campaña.

9.6.09

O Rexurdimento

No enlace do fondo podedes atopar o esquema co mínimo que debedes estudar para a proba de literatura do Rexurdimento de 3º ESO. Espero que sexa de axuda e que a completedes coa lectura de novos poemas.

Literatura galega actual

Neste enlace tedes o esquema da literatura galega actual. Recordade que o máis importante neste momento da literatura é saber cales son os motivos polos que a literatura actual está en crecemento (premios, introdución galego no ensino, recitais poéticos, mostras de teatro...) e tamén saber cales son os autores máis destacados, dende os máis vellos, os da Nova Narrativa Galega, ata os máis novos, por exemplo, Inma López Silva, entre outras/os escritores.

Esquema

26.5.09

FESTA DO BOI 2009

Dende 1983, ano da recuperación de "O Boi", a festa foi aumentando a súa resonancia de xeito irreversible, sendo coñecida dentro e fóra de Galiza e disfrutada cada ano por milleiros de persoas. Segue sendo un acontecemento de carácter eminentemente popular, no que calquera, sexa de Allariz ou de fóra, séntese inmediatamente integrado e partícipe do ambiente festivo que se vive ó longo de toda a semana e moi especialmente nos días grandes.

Para os que queredes saber máis sobre estes pequenos San Fermíns só tedes que facer clik neste enlace e atoparedes toda a informaicón sobre esta festa de orixe xudía e o programa dos actos que están preparados.

festa do boi


12.5.09

RAMÓN PIÑEIRO II


Como información un pouco máis científica e completa á vida e obra do autor homenaxeado neste ano das Letras déixovos para que consultedes a cronobiografía de Ramón piñeiro.


RAMÓN PIÑEIRO


Non me parece que este ano teñamos sobreinformación sobre o Día das Letras coma outros anos, parece que a crise chegou tamén á edicón dos materiais didácticos para celebrarmos este día. Todo se reduce a un material que a Xunta nos colgou na súa páxina. De aí rescatei este vídeo que nos fala un pouco da vida do homenaxeado.


28.4.09

Concurso literario "Ben veñas Maio 08/09"

Aquí deixo o relato dunha alumna de 4ºA que presentamos para o concurso literario do Concello de Pontevedra Ben veñas maio.


UNHA PEQUENA HISTORIA DE FADAS

Por aquel entón, cando todo ocorreu, ela vivía coa súa nai e co seu pai nunha pequena casa de pedra situada nos arredores dun bosque.

Ela era unha rapariga de quince anos de mediana estatura e tez lisa e suave como a seda. Os seus cabelos longos caían como unha perfecta fervenza polas súas costas. Os ollos escuros, as longas pestanas e a súa diminuta boca eran santo da miña devoción.
Gustáballe moito ler, do mesmo xeito que a escritura de curtas novelas, ou a arte. Todo iso facíaa parecer unha rapariga diferente ás demais e, de feito, o era.

Tiña un carácter cambiante. Uns días era doce, simpática e con nada se lle borraba o sorriso da cara ou o brillo dos seus ollos. Mais, en ocasións, ensombrecíaselle o rostro e a comisura dos seus beizos formaba unha liña recta. Non falaba con ninguén e se alguén lle preguntaba, fose quen fose, respondía con monosílabos. As miradas asasinas eran, nela, unha moi común forma de resposta. “Se as miradas matasen creo que poderías asasinar a quen quixeras”, dicíanlle a miúdo. Creo que aquela frase que tantas veces debeu escoitar na súa vida, gustáballe; aínda que nunca mo dixo.

Facía moi pouco tempo que a coñecía. Mais, malia vivir bastante lonxe, eu visitábaa con certa fecuencia pero a visita daquel día foi totalmente diferente ás demais. Como cada sábado collín ao meu cabalo e dispúxenme a percorrer o camiño que nos separaba. Nada sucedeu durante a viaxe. Eu ía tan tranquilo pensando en mil cousas pero o que atopei ao chegar fíxome abrir a boca de pao a pao: todas as flores e os novos brotes das árbores estaban marchitos e tampouco cantaban os paxaros. Aos meus ollos, toda a casa estaba rodeada dunha especie de manto gris e negro que o cubría todo e facíao parecer máis lúgubre. Tiña unha sensación estraña entón.

O primeiro que percibín foi un forte cheiro a comida así que, antes de ir vela, saudei á súa nai. Na breve conversación que mantiven con ela non notei nada raro na súa voz , nos seus xestos... Pensei que, talvez, non se decatara pero non, estábame contando algo da súa horta...

Subín as escaleiras cara ao seu cuarto. Abrín a porta e atopeina sentada coas pernas cruzadas enriba da cama moi concentrada lendo un libro.

-Ola- foi o único que se me ocorreu dicir. Ela levantou a vista cara á miña e descubrín un rostro marcado polas olleiras e uns ollos vermellos de chorar. Non contestou.

-¿Que che pasou? Parece que leves chorando durante días...

Case me boto a chorar eu tamén. Vela así producíanme unha tristeza enorme. Ela pechou o libro que lía e invitoume a sentarme ao seu lado.

-¿Ocórreche algo? A túa nai non me dixo nada.

- É que a meus pais non saben nada, nin tan sequera ti... Esquéceo, non ten importancia. Ademais non o entenderías.- contestoume aínda con bágoas nos ollos.

-Se non mo explicas non o entenderei nunca. Cóntame todo, por favor...

-Non. Non podo.

Sentín de súpeto que algo malo lle ocorría así que decidín levala ao noso lugar especial a dar un paseo para que se despexase e para poder falar con tranquilidade “igual é porque andan o seus pais cerca” pensei.

Despois de cabalgar un bo treito volvínlle facer a mesma pregunta.

- Non cho explicarei, non o entenderías deixa xa o tema.

E deixeino. Ela agachou a cabeza e continuamos o noso camiño sen dicir palabra.
Ao pouco intre chegamos ao noso destino. Un pequeno claro do bosque por onde corría un río. Sentámosnos no chan, nunha zona de sombra.

- Perdóame- díxenlle tras un interminable silencio- Odio verte así, teño medo de que poida pasar algo... Esta situación ponme os nervios a flor de pel.

- Non me pasa nada nin me pasará, non te preocupes, o libro que lía, púxome así.
A partir de aí comezamos a contarnos de todo. Pasamos así o resto da tarde ata que regresamos.

Mentres ela se duchaba eu fun a falar cos seus pais. Pedinlles permiso para quedar esa noite alí, poñendo como escusa o feito de que estaba moi esgotado.

-O noso permiso telo, xa o sabes. Avisa agora aos teus pais.

Saín ao xardín e fixeime que as flores xa non tiñan aquel manto gris da tarde e díxenme que quizá só foran visións miñas. Tan sumido nos meus pensamentos estaba que non me dei conta de que Ela atopábase xusto detrás miña.

-Acábame de dicir a miña nai que quedas esta noite aquí- díxome.

-Si. A verdade é que non me apetece irme ¿por que? ¿Moléstoche?

-Non. Non me molestas pero non creo que che quedes porque esteas cansado.

“Que ben me coñeces”. Non quería discutir con ela así que deixei o tema e pedinlle que me contase unha das historias de hadas que sabía.

Anoiteceu deseguido e fómos durmir. Malia que intentei manterme esperto, o soño terminou por vencerme de todo. Foi un soño intranquilo no que os pesadelos acosábanme sen cesar. Nun dos soños espertei coa boca seca, así que fun por un vaso de auga.

Pasei por diante da súa habitación e asomei a cabeza pola porta con moito coidado de non espertala... Mais ela non estaba alí. No seu lugar había unha fermosa coroa de flores que desprendían un cheiro que facían recender toda a habitación.

Comprendín que se fora e que talvez non volvería nunca máis... Nese instante caínme ao chan de xeonllos, botei as mans e comecei a chorar sen querelo.

De súpeto levantei a vista e deixei de chorar porque ¿de que servía?.Vin a luz da lúa que entraba pola fiestra. Acabábaseme de ocorrer unha idea, iría buscala.
Sen espertar aos seus pais vestinme e saín da casa deixando antes unha pequena carta encima da mesa da cociña.

Aquela zona do bosque descoñecíaa por completo, non tiña nin idea de a donde ía e perdinme no medio das árbores ao pouco de entrar alí. A pouca luz que había non me permitía ver onde pisaba. Estiven dando voltas sen saber onde ía ata que a dor de pés fíxome que me sentase nun pequeno claro e que me quedase durmido.

Notei que algo húmido tocábame a cara e levanteime dun salto. Era o meu cabalo que me miraba con preocupación. Díxenme que o máis seguro era que os pais dela o soltaran logo de ler a nota que eu lles deixara. Amencera xa e escoitaba próximo o ruído do auga e deducín que preto había un río. Subinme a lombos do meu cabalo e comezamos a camiñar cara a aquel ruído, necesitaba beber e comer algo.

Cabalguei o que pareceron horas, mais aquel río non aparecía por ningún lado. En ocasións oíao máis afastado outras máis próximo, pero sempre o escoitaba.
Empecei a desesperarme, a sede e o fame arreciábanos aos dous e tiñamos que pararnos a descansar a cada pouco, facia moita calor.

Pasamos así, perdidos polo bosque, varios días máis. A froita que atopara esgotáraseme e o cansazo facía que viaxase a maior parte do tempo durmido a lombos do meu cabalo, sen decatarme por onde iamos. Non deixara nunca de oír o ruído da auga e iso dábame unhas poucas forzas para continuar... Mais oíla e non tela fixo que perdese a noción do tempo, esquecín cantos días levabamos alí e ignoraba canto máis tería que aguantar aquilo. Terminei por desmaiarme.

Cando volvín á realidade era noite pechada e eu atopábame nunha escura cova á beira dunha pequena fogueira. Tardei un bo intre en recuperarme e recordar que pasara.

Entón, vin unha pequena muller moi vella e engurrada que traía un cesto cheo de froitas e unha xarra de auga. Ofreceume do que traía pero eu miriena con desconfianza e rexeiteina.

- ¿Quen es?- pregunteille co pouco de voz que me quedaba - ¿Onde está o meu cabalo?

-A miña identidade non ten importancia ¿Estás ben? ¿Estás seguro de que non queres un pouco de froita? O teu cabalo está aí fora. Foi o que che trouxo ata aquí.

Desmaiácheste e el tróuxote ata aquí- contestoume mordendo un mazá do cesto.

-E ti sen coñecerme de nada acóllesme.

-Si, ben, en realidade non. Levas varios días dando voltas por estes bosques buscando a alguén... ¿Equivócome? Buscas a alguén que se marchou sen deixar rastro e... só falarei contigo diso se antes comes e bebes algo.

Obedecinlle e mentres comía puiden fixarme máis naquela descoñecida. Era unha señora maior, moi baixiña, tez dun ton verdoso. Na súa boca podía apreciarse un só dente e na súa cara un só ollo san. Vestía unha roupas feitas a partir de diferentes anacos de teas. A cova aquela debía de ser o seu fogar.

Cando rematei de comer volveu a conversación dicindo:

-As miñas irmás e eu levamos vivindo aquí desde que a miña memoria alcanza e coñecémosnos o bosque moito mellor que a palma da man por iso se alguén novo aparece decatámosnos enseguida...- Tomou aire e continuou- Fai cinco días apareciches buscando á nova rapariga que se uniu ao consello hai pouco....

-¿De que consello me fala?

-Xa o irás entendendo, non teñas présa... Por agora direiche que se algo debes saber é que o bosque atrapa e non devolve nada e se realmente queres saber onde está ela tes que xurar ante todas as árbores que xamais dirás nada do que viches… O Real Consello reuniuse fai moi pouco para iniciar as súas clases ás aprendices. Terás que xurar lealtad e non delatar o lugar de reunión...

-Xurarei o que sexa, farei o que sexa pero por favor dígame onde está Ela...

Saímos fóra da cova. A temperatura era moi agradable. Nada máis saír vin un enorme lago de augas moi calmas e claras. “Esta é o auga que busquei sen rumbo durante tanto tempo”.

A señora ordenoume que me metese no lago ata os xeonllos e así fixen.

Todo sucedeu moi rápido. Notei coma se unha poderosa enerxía percorrese as miñas veas e coma se o chan deixase de existir debaixo dos meus pés... Cando volvín á realidade estaba no mesmo lugar.

-Xa está, agora poderás ir vela máis non poderás saír de aquí... Agora terás que coller ó teu cabalo e ir pola beira do lago ata o anoitcer, atoparala alí.
Agradecinlle á señora todo o que fixera por min.

Cabalguei toda a tarde sen descanso e cheguei a donde me dixeran antes do que esperaba. Fun camiñando moi amodo ao lugar indicado e....alí estaban todos... Alí estaba Ela...

Nada máis verme levantouse e veu correndo, abraceina con forza. Permanecemos así ata que a presidenta dixo:

-Formarás parte disto así que Ela xa che explicará todo. Irvos agora creo que teredes moito do que falar.

Afastámonos e volvina a abrazar, non me dera conta do que a botara de menos ata entón.

- Xa non terás que explicarme nada, xa o entendín todo, con que o libro que che había posto triste...

Ela sorriu e só dixo:

-Grazas, grazas por vir.

XIV FEIRA DE SAN LÁZARO



Baixo este título guiado polo almanaque relixioso chegamos a Sarria, en pleno Camiño de Santiago, un lugar cunha zona vella ben arregladiña, na zona máis alta, e ateigada de peregrinos. En claro contraste, atopamos camiño abaixo a zona máis nova onde a xente se entretiña entrando e saíndo dos locais de antigüidades que a modo de gremio se localizan todos na mesma rúa. Iso si, para atoparmos unha baiuca para tomar algo tivemos que dar unhas voltiñas.

Alí, realmente agochábase unha feira de antigüidades e restauración cunha ducia de casetas nas que puidemos ver cousas típicas como reloxos, radios, máquinas de coser, de escribir, mobles, apeiros de distintos oficios. Entre estes últimos reparamos nunha especie de motocultor que non puido deixar de recordarnos aos Picapedra.Pero sen dúbida chamou a nosa atención que houbera oco para obxectos de lecer como uns esquís ou uns paus de golf un tanto ourilados.


Merece especial atención entre unha morea de quincallada atoparamos un retrato do Xeneralísimo como un obxecto de museo.

Vindo para o terreo das letras non imos deixar de destacar que había varias coleccións de moedas e billetes entre os cales atopamos un de 500 pesetas coa imaxe de Rosalía de Castro.

WEBQUEST

Aquí vos ofrezo un enlace no cal podedes indagar sobre o mundo das WEBQUEST.

Son unha ferramenta do máis útil para facer que o alumnado aprenda a buscar información e a tratala. En resumo, idial para que lean e sinteticen e mesmo para que creen pequenos traballos empregando as TICs.

Animádevos a empregar esta ferramenta!

EXEMPLO de webquest letras 2009

22.4.09

Lingua de amor




Un ano máis ponse en marcha a campaña Lingua de Amor, un proxecto do Consello da Xuventude de Galicia que naceu no ano 2007 co fin de normalizar e dinamizar a lingua e a cultura galegas entre os mozos e mozas deste país. Xestionado polo Servizo de Normalización Lingüística do Consello da Xuventude de Galicia, a páxina Lingua de Amor pretende fomentar e divulgar a nosa lingua e cultura entre a mocidade galega.
Podedes participar no concurso de relatos ou cancións de amor a través da páxina linguadeamor e nas categoría A (de 14 a 19 anos) ou categoría B ( de 20 a 35 anos). Os premios van dende un ordenador portátil ata unha Ipod.

www.linguadeamor.eu

Despois de rexistrarvos nesta web podedes deixar os vovos textos, pero lembrade que o prazo remata o 10 de maio.

Sorte a tod@s




20.4.09

Apuntamentos 4º ESO

Dende esta páxina o alumnado de 4º da ESO do IES A Xunqueira poderá acceder aos esquemas da literatura dos anos 60 (Neira Vilas e Nova Narrativa Galega) e ao esquema de sintaxe no que se ofrece unha clasificación do distintos tipos de oracións. Ademais terán actividades de reforzo.


nova narrativa


análise de texto


sintaxe


actividades sintaxe

2.4.09

Poetízate, Fran Alonso

Un libro ben interesante que recolle mostras dende a poesía do Rexurdimento ata a época actual pasando por todos os temas, por ex.:

* A defensa da lingua: "Deitado frente ao mar" ou "Lingua amada"

* O erotismo
: "Es doce como o sono degolado", "Polpa" ou "Os líquidos íntimos"

* Anticlericalilsmo: "Lume no pazo"

* Denuncia: "Cunetas" ou "Xan"

* Exaltación: "Penélope"


1.4.09

E ti ... de onde vés sendo?

É raro que ao chegar a un novo lugar de traballo non me pregunten de onde son.

Eu digo, contenta por pertencer a un lugar tan fermoso, que son de ALLARIZ. E daquela, a reacción dos meus interlocutores é inmediata. Tod@s teñen un bo concepto da vila e, cada vez máis, escoito frases como "Ah! Un lugar fermoso, teño que ir".

Como! Pero hai aínda xente que non coñeza Allariz? Quedo abraiada porque se está a crear coma un mito de Allariz; ou mellor dito, unha imaxe simbólica ou fantástica.

Porén, esta vila de orixe medieval, que garda todo o enigma da antiga corte real, é de verdade unha vila renovada que hai que visitar para coñecela, deixarse namorar polo silencio e a historia das súas rúas.

Cada día máis xente visita esta vila que se ergue ó carón do río que lle dá vida, o Arnoia. O sosego diario dos veciños vese alterado tan só polo bisbar das augas do río, que ociosas reclaman a nosa atención. Os paseos dende a praia fluvial Acearrica ata o parque etnográfico fai que esquezamos o balbordo e amemos cada cousiña pequena (as moas dos muíños a roer no gran dos cereais, o tear, as pías de curtir o coiro...) que nos traslada por un intre a outro tempo e nos permite ver o avance da vila.

Durante a fin de semana o gurgullar de xente que vai e vén polas pendentes rúas fai uqe se escoite outro ruído, o das distintas voces fuqe non deixan de admirar a historia de cada pedra e o labor de transformación que sufriu o lugar. Así nolo explican uns cantos coñecid@s e amig@s no video anterior e aos que mando un saúdo agarimoso.

Se aínda non sabedes que facer esta Semana Santa remítovos a web do concello na cal atoparedes as múltiples posibilidades de ocio que ofrece esta zona. Deixádeme que vos recomende a visita a Santa Mariña de Augas Santas, exemplo de convivencia de diferentes culturas ó longo da historia.

Audiovisita a Allariz.





16.3.09

DEITADO FRONTE AO MAR


Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro


Deitados fronte o mar xente e xente... E o mar escoita como rebole o seu pensamento en busca de sosego. Nunha lingua, noutra e noutra, cada recuncho da nosa paisaxe (a praia de Camposancos, as fervenzas do río Toxa, as Fragas do Eume, entre outros tesouros) escoitan e comprenden a todos e cada un de nós, porque queren facelo, porque respetan e aman a quen os ama.

E se é tan doado isto de comprender e respectar, por que non nos deixamos de tonterías e empezamos NÓS a respectarnos e amarnos, a usar a nosa lingua para que a xente que nos visita siga véndonos como un pobo diferente, especial, cunha cultura propia. Por isto é polo que os demais queren volver unha e outra vez para ver eses solpores máxicos que enchen de luz dourada as meniñas daqueles que están abafados polo labor do cotián.

Pensas que alguén falaría de música galega, cine galego, literatura galega... se non foramos un pobo que soubo loitar para que o xigante da "globalización" non o engulira?

Pensas que Galicia tería o mesmo encanto e enigma en cada pedra, praia, vila, pazo...?

Por que pensas que á xente lle gusta vir á nosa terra? ...

Pois eu creo que é porque somos especiais e sómolo primeiro por posuírmos unha lingua propia que engaiolou ata o rei máis sabio; esa "musa das aldeas" que un profesor meu dicía que tamén engaiolou a Rosalía e que dende logo tamén te engaiolará a ti, se a probas!!!

Non credes que é hora de que nos amemos?. Se os demais os fan será por algo!!!

Se a ti non che importa que te miren por falares en galego... descoida, deixarán de facelo e ata lles parecerá ben.

Ultimamente estase falando moito da imposición da lingua galega. Pero pensade só un momento que a xente que fala castelán está falando unha lingua que lle foi imposta aos seus antepasados e esa imposición vaise herdando sen que lle importe a ninguén!!!

LINGUA QUE REXEITARON OS MEUS PAIS (ANTÓN TOVAR)

Borraran os letreiros dos camiños
cos ben amados nomes das antergas vilas,
dos silabarios das escolas algareiras
borraran o cantar humilde e puro
da lingua popular.

Sóio no escuro das lareiras
no apartado silencio dos labregos labios,
esquecida das espaldas poderosas,
boboriñaba a nosa ingua triste.

Aferrollada fora coma unha delincuente.
As maos sen calos do traballo,
requintadas e doces, relixiosas,
enfeitadas co ouro dos aneis
roubados ó suor dos pobres
empurraran a lingua nobre e pura
a un cadafalso de vergoñas.
Meus pais, tamén, amados ignorantes,
obedeceran as ordes que o espadón
desborcara na poza de Galicia.



Para verdes a presentación sobre o entroido usando os enlaces do mapa premede no seguinte link

10.3.09

O ENTROIDO DE LAZA

O resultado dos traballos do entroido que se poden ver na presentación anterior son froito do traballo en parellas do alumnado de 3º e 4º da ESO do IES A Xunqueira. Despois de buscar a información sobre o entroido que lles tocou a cada un fixemos a presentación final que vistes anteriormente.



Dúas alumnas de 4º A, Miriam e Sarah, conseguiron montar elas a súa presentación. Traballaron sobre o entroido en Laza e paráronse moito en describir como é o traxe, para iso achegan fotos moi boas que van ao detalle.

Podedes ver no blog dun compañeiro como se viste paso a paso un cigarrón de Verín, xa que as máscaras son parecidas: http://www.slideshare.net/xurxootero/como-se-viste-un-cigarrn?type=powerpoint

O ENTROIDO GALEGO

Achégate aos entroidos máis ancestrais da nosa comunidade a través desta presentación que nos lembra como son as máscaras de cada lugar e os seus rituais.
Seguro que nestes días pasados andastes de esmorga por algunha destas localidades.


Aproveito para comentarlles, a aqueles que sexan amantes desta festa ou da antropoloxía en xeral, que acaba de publicarse o libro As caras do entroido ourensán. Libro de 361 páxinas que ofrece información sobre os entroidos da provincia de Ourense e as zonas limítrofes de Zamora, O Bierzo e Portugal. Esta noticia publicouse na Voz de Galicia do 10.03.2009.