2.12.09

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Podemos dicir que a semana pasada xirou ó redor do día 25 de novembro.

O alumnado de 2º da ESO, logo dun mes de traballo, realizou unha presentación combinando as imaxes e a música que atoparon sobre a violencia de xénero coas súas frases sobre o mesmo tema. O citado día puxémolas nunha pantalla na entrada do centro e todo o mundo estaba véndoa coma se estivesen no cine, mesmo tivemos que repetir.

Espero que a vós tamén vos guste e teñades unha conexión boa para que vos cargue o video.



Tamén fixeron unha exposición no centro na cal deixaron as súas mensaxes no muro "Que lle dirías a un maltratador", título dun concurso que organizaba o Concello de Lalín e no cal participou o noso alumnado.

Aproveitamos a disposición do centro para colgar o nome das vítimas que este ano morreron a mans das súas parellas, logo de procurar información na rede. Pola disposición da exposición daba a sensación que un/unha estaba rodeado de "MORTAS" e o efecto foi o desexado. Todos/as quedaban sorprendidas do elevado número de mulleres que levan morrido xa este ano e tomaron conciencia da gravidade dos feitos.




Como vedes na primeira imaxe deste video o día rematou cun acto no Obelisco, onde cada quen podía levar un par de zapatos co seu nome para solidarizarse coas vítimas de violencia de xénero. Outra vez penso eu que se conseguiu o efecto desexado, xa que, quen reparar naquela morea de zapatiños orfos, non podía deixar de imaxinar a de familias rotas e nenos sen nais que esta lacra social deixa en España cada ano.

E para rematar a semana nada mellor que un curso sobre "Linguaxe e xénero" no Reitorado da UC acompañada das miñas compañeiras de departamento. Todo un luxo non só gozar da súa compañía, da oratoria de personaxes do mundo da cultura galega e dun marco incomparable. Todo un pracer desconectar de cando en cando engaiolada polo doce movemento das ondas que manseniñamente levaban os barcos dunha ría a outra, transportándote a ti tamén a gozar un intre dos moitos recunchos máxicos que ten a nosa costa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario