Amosando publicacións coa etiqueta litertura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta litertura galega. Amosar todas as publicacións

25.4.12

Valentín Paz Andrade

Despois da lectura de varios ensaios sobre a vida do autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas deixo este libro resumo dalgúns dos feitos máis importantes nos que participou. Xa sei que faltan moitos detalles, pero a vida de Valentín é tan ampla e rica que poderiamos escribir follas e follas debido á loita incansable que el levou a cabo por Galicia e pola súa apertura cara o mundo durante o século XX. 


10.1.12

O VALOR DA OBRA DE CASTELAO

Cousa da vida de Castelao
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 28 de xuño de 2011, incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural e inmaterial en favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego.


17.9.10

AS DE BOLBORETAS


O curso pasado tiven a sorte de acudir, en moi boa compañía, a escoitar a Rosa Aneiros no Cefore da Coruña, dende aquela engaioloume a súa forma de falar e dixen que tiña que ler os algún dos seus libros.
Porén, o destino fixo que non fora ningunha das súas obras as que aportaron no meu peirao este verán. Mais, logo de botar unha ollada á guía de lectura que preparou A Profa, non hei deixar moito tempo entre este intre e o da abordaxe de As de bolboretas.

Guía de lectura da obra "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros realizada por Pilar Ponte Patiño para Edicións Xerais.

Dunha persoa tan traballadora e alegre non podía saír outro traballo que nnon fora este. Parabéns e moito ánimo para seguir por estes sendeiros.

6.8.10

A XEIRA DAS ÁRBORES




Na liña do seu discurso feminista, Teresa Moure preséntanos nesta novela a unha muller que fica pendurada ao bordo dun precipicio, coma unha desas árbores que está continuamente desafíando a gravidade, pero que grazas ás súas fortes raíces logra soportar treboadas e vendavais facéndose cada día máis forte.


Clara, unha muller solteira, con tres fillos e tradutora, debe deixar o seu traballo na editorial para traballar dende a súa casa e coidar dos pequenos.


Asistimos nestas 127 liñas ao decorrer dun día na vida de Clara. A escritora fai que a protagonista baleire, neste pouco tempo, o seu pensamento nun longo monólogo interior dende o cal nos conta a historia da súa "vida".


Inspirada polo filósofo que está a traducir, Humboldt, e inspirada pola súa teoría sobre o amor, Clara revisa a súa historia. Cóntanos que pensa ela do amor e como foron as relacións que mantivo cos pais dos seus tres fillos.


Sorprende a forza da protagonista para sacar adiante unha familia e, sobre todo, a ela mesma. Forzas que parecen frouxear cando chega a noite, deseperada por non dar durmido, colle a tableta de pílulas e toma a primeira porque necesitaba realmente descansar. Non o conseguía e a súa idea era conducir durante un anaco polas estreitas rúa que formaban as ringleriras de somníferos... pero a luz da alba descóbrenos a unha muller nova, que soubo coller as curvas desa autoestrada e evitar as fochancas, para comezar un día máis a súa vida.


Cantas mulleres árbore coñecemos? Pois non deixedes nunca de regar as raíces desas arboriñas para que sigan fortemente amarradas á terra, á vida!!!

5.8.10

NA SOLAINA



Cada vez estou máis convencida de que me gusta ser una persoa que se emociona, porque só así se pode gozar coa lectura dun libro coma o de David Vázquez Álvarez.

Esta prosa mol, donda e serena que sae da pruma do autor fai que nos mergullemos na vida de Ana, una velliña nada a comezos do século xx, que devece por estar co fillo da muller do servizo. Porén, as prohibicións do pai, primeiro e a marcha do rapaz alén mar na busca dun futuro mellor, despois, fan que a moza abandone a aldea da Ribeira Sacra, á cal regresa agora, tras vivir corenta anos na fermosa cidade da Coruña.
Quizais ese accidente que lle produciu a rotura do pé fose tan só a escusa perfecta para chegar de novo ao fogar dos maiores que construíron para a xente do lugar na aldea que a viu nacer. Dende a solaina do edificio os seus húmidos ollos albiscan cada un dos recunchos daquel fermoso val facendo que os seus recordos se espreguicen: o pazo familiar no cal coñece ao Rabizo e no que tantas veces discutiu co seu pai ou irmán maior; o regato, testemuña dos encontros ás agachadas dos mozos que tanto amor sentían, ou as serras que acubillaran no seu ventre ao mozo e ao seu amigo Pepe, fuxidos durante os anos da Guerra.

Ana, co decorrer dos días vai conversando pouco a pouco coa súa enfermeira, Diana, que tan ben sabía tirar do nobelo durante os longos paseos que daban por recomendación do doutor. A velliña presa da dor que lle producían as lembranzas que se amoreaban como á saída dun túnel na procura da luz, aconsella así á pequena: “…todos somos prisioneiros das nosas decisións, das nosas lembranzas, dos nosos erros (…) O que pasou xa foi. Non podemos volver atrás no tempo. Os rotos da alma non se poden remendar”.

Mais desta volta trabucábase con aquel consello. Quixo a vida que todo o sufrimento daquela mociña e desta velliña, que debruzada na solaina da súa vellez enxergaba os duros recordos do pasado que gardaba naquela caixiña de madeira, tivera un final feliz.

Merece a pena loitar aínda que Ana pensase “que a vida sempre gaña, miña pequena”, para agora mirar nos ollos do Rabizo a luz daquel amor que nacera cando aínda eran nenos e ían xuntos á escola. Agora, eran libre por fin e agardábaos toda unha vida xuntos.

Os elos que forman a cadea temática desta novela, malia seren coñecidos para todos: a Guerra Civil, os asasinatos, o caciquismo, o despotismo, o machismo, a diferenza de clases, a falta de liberdade, o amor, a emigración, os campos de concentración… combínanse de tal forma que o autor fai que non caiamos no aburrimento. As continuas viaxes que a velliña Ana e os demais personaxes fan dende o presente cara o pasado, fai que camiñemos cara outras lecturas como Agosto do 36, recordando a fuxida polos montes ourensáns de Manuel; O neno do pixama a raias, ao lembrar as chemineas que liberaban de forma tan atroz as persoas que estiveran alí prisioneiras, ou as escenas do filme A mariñeira, entre outras moitas que podiamos citar.

Sexa como for, as bágoas acudiron en varias ocasións aos meus ollos ao sentir todas esas emocións que moven aos personaxes desta novela: como evitar non sentir o medo dun neno de 16 anos partir cara América, ou medo ante a carraxe que sente o pai de Ana ao velo co fillo da criada, ou o medo do Rabizo a participar nunha guerra que non era súa matando a xente inocente, a emoción de Sara cando ve regresar ao fillo mozo da Habana, a tristeza do Rabizo no porto da Coruña lembrando que non se podía despedir de ninguén, nin de Ana, o amor que desprendían os olliños de Ana cara o seu namorado ou o desexo e ilusión de ser libres por fin e poder estar xuntos para sempre. Todas estas emocións e outras tantas máis e o suspense que a protagonista lle pon ás súas verbas fan que prendamos na lectura, que fiquemos neste fermoso lugar dos canóns do Sil un anaco máis, como fixo a enfermeira, malia ter unha boa oferta de traballo na cidade, porque desexabamos saber cal era o desenlace daquelas vidas. Grazas á súa curiosidade a historia vai medrando a pouquiños e os flashback son continuos, pero ao final logramos descubrir que os soños a veces tamén se fan realidade.

NA SOLAINA da casa vella da miña avoa, á sombra da figueira, escoitei moitas historias da boca dela e de miña bisavoa . Quen se resiste a NON SOÑAR!!!!!
Agora, miña bisavoa, dende hai moito, e miña avoa, dende un ano e medio, xa non están. A vella figueira xa foi substituída por outra máis nova. E, aquela cativa que soñaba, cando agora sobe á solaina, sabe que os soños se fan realidade só en novelas coma esta.

7.5.10

CONVERSAS CO VENTO

Grazas Mar por facerme un agasallo tan fermoso. Desque nos liches na aula o conto da máquina, penso que todos nós estamos máis animados co tema da interpretación de textos literarios. Aínda que a que fixen eu non é todo o brillante que merece o conto, escollín Corazón de Pedra para ler porque se algo está claro é que non temos o corazón tan forte, para a nosa desgraza!!! Digo desgraza, porque parece que a sociedade na que vivimos tivese por febles a aqueles que amosan a miúdo os sus sentimentos. Mais, eu prefiro ser feble e demostrar o meu cariño cara as persoas que me rodean que un ser acoirazado, que non fondo non deixa de sentir tamén e sen ter oportunidade de que ninguén saiba como é realmente.
Espero que che guste.


Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

27.8.09

A Virxe do Cristal

Achégovos un dos traballos que fixemos no IES A Xunqueira coa lenda da Virxe do Cristal de Curros. Desta meneira podemos coñecer como "disque" apareceu esta virxe, da cal o escritor ten noticias por súa nai. Para os/alumnos/as deste centro resultou sospeitosa a historia desta virxe que podedes visitar na capela de Vilanova dos Infantes, Celanova. Pero o curso pasado fixen a mesma actividade con alumnos do IES de Celanova e os resultados foron sorprendentes porque estaban moi motivados ao coñeceren de primeira man a protagonista dos seus comics.



9.6.09

O Rexurdimento

No enlace do fondo podedes atopar o esquema co mínimo que debedes estudar para a proba de literatura do Rexurdimento de 3º ESO. Espero que sexa de axuda e que a completedes coa lectura de novos poemas.

Literatura galega actual

Neste enlace tedes o esquema da literatura galega actual. Recordade que o máis importante neste momento da literatura é saber cales son os motivos polos que a literatura actual está en crecemento (premios, introdución galego no ensino, recitais poéticos, mostras de teatro...) e tamén saber cales son os autores máis destacados, dende os máis vellos, os da Nova Narrativa Galega, ata os máis novos, por exemplo, Inma López Silva, entre outras/os escritores.

Esquema