Na liña do seu discurso feminista, Teresa Moure preséntanos nesta novela a unha muller que fica pendurada ao bordo dun precipicio, coma unha desas árbores que está continuamente desafíando a gravidade, pero que grazas ás súas fortes raíces logra soportar treboadas e vendavais facéndose cada día máis forte.
Clara, unha muller solteira, con tres fillos e tradutora, debe deixar o seu traballo na editorial para traballar dende a súa casa e coidar dos pequenos.
Asistimos nestas 127 liñas ao decorrer dun día na vida de Clara. A escritora fai que a protagonista baleire, neste pouco tempo, o seu pensamento nun longo monólogo interior dende o cal nos conta a historia da súa "vida".
Inspirada polo filósofo que está a traducir, Humboldt, e inspirada pola súa teoría sobre o amor, Clara revisa a súa historia. Cóntanos que pensa ela do amor e como foron as relacións que mantivo cos pais dos seus tres fillos.
Sorprende a forza da protagonista para sacar adiante unha familia e, sobre todo, a ela mesma. Forzas que parecen frouxear cando chega a noite, deseperada por non dar durmido, colle a tableta de pílulas e toma a primeira porque necesitaba realmente descansar. Non o conseguía e a súa idea era conducir durante un anaco polas estreitas rúa que formaban as ringleriras de somníferos... pero a luz da alba descóbrenos a unha muller nova, que soubo coller as curvas desa autoestrada e evitar as fochancas, para comezar un día máis a súa vida.
Cantas mulleres árbore coñecemos? Pois non deixedes nunca de regar as raíces desas arboriñas para que sigan fortemente amarradas á terra, á vida!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario