28.4.09

Concurso literario "Ben veñas Maio 08/09"

Aquí deixo o relato dunha alumna de 4ºA que presentamos para o concurso literario do Concello de Pontevedra Ben veñas maio.


UNHA PEQUENA HISTORIA DE FADAS

Por aquel entón, cando todo ocorreu, ela vivía coa súa nai e co seu pai nunha pequena casa de pedra situada nos arredores dun bosque.

Ela era unha rapariga de quince anos de mediana estatura e tez lisa e suave como a seda. Os seus cabelos longos caían como unha perfecta fervenza polas súas costas. Os ollos escuros, as longas pestanas e a súa diminuta boca eran santo da miña devoción.
Gustáballe moito ler, do mesmo xeito que a escritura de curtas novelas, ou a arte. Todo iso facíaa parecer unha rapariga diferente ás demais e, de feito, o era.

Tiña un carácter cambiante. Uns días era doce, simpática e con nada se lle borraba o sorriso da cara ou o brillo dos seus ollos. Mais, en ocasións, ensombrecíaselle o rostro e a comisura dos seus beizos formaba unha liña recta. Non falaba con ninguén e se alguén lle preguntaba, fose quen fose, respondía con monosílabos. As miradas asasinas eran, nela, unha moi común forma de resposta. “Se as miradas matasen creo que poderías asasinar a quen quixeras”, dicíanlle a miúdo. Creo que aquela frase que tantas veces debeu escoitar na súa vida, gustáballe; aínda que nunca mo dixo.

Facía moi pouco tempo que a coñecía. Mais, malia vivir bastante lonxe, eu visitábaa con certa fecuencia pero a visita daquel día foi totalmente diferente ás demais. Como cada sábado collín ao meu cabalo e dispúxenme a percorrer o camiño que nos separaba. Nada sucedeu durante a viaxe. Eu ía tan tranquilo pensando en mil cousas pero o que atopei ao chegar fíxome abrir a boca de pao a pao: todas as flores e os novos brotes das árbores estaban marchitos e tampouco cantaban os paxaros. Aos meus ollos, toda a casa estaba rodeada dunha especie de manto gris e negro que o cubría todo e facíao parecer máis lúgubre. Tiña unha sensación estraña entón.

O primeiro que percibín foi un forte cheiro a comida así que, antes de ir vela, saudei á súa nai. Na breve conversación que mantiven con ela non notei nada raro na súa voz , nos seus xestos... Pensei que, talvez, non se decatara pero non, estábame contando algo da súa horta...

Subín as escaleiras cara ao seu cuarto. Abrín a porta e atopeina sentada coas pernas cruzadas enriba da cama moi concentrada lendo un libro.

-Ola- foi o único que se me ocorreu dicir. Ela levantou a vista cara á miña e descubrín un rostro marcado polas olleiras e uns ollos vermellos de chorar. Non contestou.

-¿Que che pasou? Parece que leves chorando durante días...

Case me boto a chorar eu tamén. Vela así producíanme unha tristeza enorme. Ela pechou o libro que lía e invitoume a sentarme ao seu lado.

-¿Ocórreche algo? A túa nai non me dixo nada.

- É que a meus pais non saben nada, nin tan sequera ti... Esquéceo, non ten importancia. Ademais non o entenderías.- contestoume aínda con bágoas nos ollos.

-Se non mo explicas non o entenderei nunca. Cóntame todo, por favor...

-Non. Non podo.

Sentín de súpeto que algo malo lle ocorría así que decidín levala ao noso lugar especial a dar un paseo para que se despexase e para poder falar con tranquilidade “igual é porque andan o seus pais cerca” pensei.

Despois de cabalgar un bo treito volvínlle facer a mesma pregunta.

- Non cho explicarei, non o entenderías deixa xa o tema.

E deixeino. Ela agachou a cabeza e continuamos o noso camiño sen dicir palabra.
Ao pouco intre chegamos ao noso destino. Un pequeno claro do bosque por onde corría un río. Sentámosnos no chan, nunha zona de sombra.

- Perdóame- díxenlle tras un interminable silencio- Odio verte así, teño medo de que poida pasar algo... Esta situación ponme os nervios a flor de pel.

- Non me pasa nada nin me pasará, non te preocupes, o libro que lía, púxome así.
A partir de aí comezamos a contarnos de todo. Pasamos así o resto da tarde ata que regresamos.

Mentres ela se duchaba eu fun a falar cos seus pais. Pedinlles permiso para quedar esa noite alí, poñendo como escusa o feito de que estaba moi esgotado.

-O noso permiso telo, xa o sabes. Avisa agora aos teus pais.

Saín ao xardín e fixeime que as flores xa non tiñan aquel manto gris da tarde e díxenme que quizá só foran visións miñas. Tan sumido nos meus pensamentos estaba que non me dei conta de que Ela atopábase xusto detrás miña.

-Acábame de dicir a miña nai que quedas esta noite aquí- díxome.

-Si. A verdade é que non me apetece irme ¿por que? ¿Moléstoche?

-Non. Non me molestas pero non creo que che quedes porque esteas cansado.

“Que ben me coñeces”. Non quería discutir con ela así que deixei o tema e pedinlle que me contase unha das historias de hadas que sabía.

Anoiteceu deseguido e fómos durmir. Malia que intentei manterme esperto, o soño terminou por vencerme de todo. Foi un soño intranquilo no que os pesadelos acosábanme sen cesar. Nun dos soños espertei coa boca seca, así que fun por un vaso de auga.

Pasei por diante da súa habitación e asomei a cabeza pola porta con moito coidado de non espertala... Mais ela non estaba alí. No seu lugar había unha fermosa coroa de flores que desprendían un cheiro que facían recender toda a habitación.

Comprendín que se fora e que talvez non volvería nunca máis... Nese instante caínme ao chan de xeonllos, botei as mans e comecei a chorar sen querelo.

De súpeto levantei a vista e deixei de chorar porque ¿de que servía?.Vin a luz da lúa que entraba pola fiestra. Acabábaseme de ocorrer unha idea, iría buscala.
Sen espertar aos seus pais vestinme e saín da casa deixando antes unha pequena carta encima da mesa da cociña.

Aquela zona do bosque descoñecíaa por completo, non tiña nin idea de a donde ía e perdinme no medio das árbores ao pouco de entrar alí. A pouca luz que había non me permitía ver onde pisaba. Estiven dando voltas sen saber onde ía ata que a dor de pés fíxome que me sentase nun pequeno claro e que me quedase durmido.

Notei que algo húmido tocábame a cara e levanteime dun salto. Era o meu cabalo que me miraba con preocupación. Díxenme que o máis seguro era que os pais dela o soltaran logo de ler a nota que eu lles deixara. Amencera xa e escoitaba próximo o ruído do auga e deducín que preto había un río. Subinme a lombos do meu cabalo e comezamos a camiñar cara a aquel ruído, necesitaba beber e comer algo.

Cabalguei o que pareceron horas, mais aquel río non aparecía por ningún lado. En ocasións oíao máis afastado outras máis próximo, pero sempre o escoitaba.
Empecei a desesperarme, a sede e o fame arreciábanos aos dous e tiñamos que pararnos a descansar a cada pouco, facia moita calor.

Pasamos así, perdidos polo bosque, varios días máis. A froita que atopara esgotáraseme e o cansazo facía que viaxase a maior parte do tempo durmido a lombos do meu cabalo, sen decatarme por onde iamos. Non deixara nunca de oír o ruído da auga e iso dábame unhas poucas forzas para continuar... Mais oíla e non tela fixo que perdese a noción do tempo, esquecín cantos días levabamos alí e ignoraba canto máis tería que aguantar aquilo. Terminei por desmaiarme.

Cando volvín á realidade era noite pechada e eu atopábame nunha escura cova á beira dunha pequena fogueira. Tardei un bo intre en recuperarme e recordar que pasara.

Entón, vin unha pequena muller moi vella e engurrada que traía un cesto cheo de froitas e unha xarra de auga. Ofreceume do que traía pero eu miriena con desconfianza e rexeiteina.

- ¿Quen es?- pregunteille co pouco de voz que me quedaba - ¿Onde está o meu cabalo?

-A miña identidade non ten importancia ¿Estás ben? ¿Estás seguro de que non queres un pouco de froita? O teu cabalo está aí fora. Foi o que che trouxo ata aquí.

Desmaiácheste e el tróuxote ata aquí- contestoume mordendo un mazá do cesto.

-E ti sen coñecerme de nada acóllesme.

-Si, ben, en realidade non. Levas varios días dando voltas por estes bosques buscando a alguén... ¿Equivócome? Buscas a alguén que se marchou sen deixar rastro e... só falarei contigo diso se antes comes e bebes algo.

Obedecinlle e mentres comía puiden fixarme máis naquela descoñecida. Era unha señora maior, moi baixiña, tez dun ton verdoso. Na súa boca podía apreciarse un só dente e na súa cara un só ollo san. Vestía unha roupas feitas a partir de diferentes anacos de teas. A cova aquela debía de ser o seu fogar.

Cando rematei de comer volveu a conversación dicindo:

-As miñas irmás e eu levamos vivindo aquí desde que a miña memoria alcanza e coñecémosnos o bosque moito mellor que a palma da man por iso se alguén novo aparece decatámosnos enseguida...- Tomou aire e continuou- Fai cinco días apareciches buscando á nova rapariga que se uniu ao consello hai pouco....

-¿De que consello me fala?

-Xa o irás entendendo, non teñas présa... Por agora direiche que se algo debes saber é que o bosque atrapa e non devolve nada e se realmente queres saber onde está ela tes que xurar ante todas as árbores que xamais dirás nada do que viches… O Real Consello reuniuse fai moi pouco para iniciar as súas clases ás aprendices. Terás que xurar lealtad e non delatar o lugar de reunión...

-Xurarei o que sexa, farei o que sexa pero por favor dígame onde está Ela...

Saímos fóra da cova. A temperatura era moi agradable. Nada máis saír vin un enorme lago de augas moi calmas e claras. “Esta é o auga que busquei sen rumbo durante tanto tempo”.

A señora ordenoume que me metese no lago ata os xeonllos e así fixen.

Todo sucedeu moi rápido. Notei coma se unha poderosa enerxía percorrese as miñas veas e coma se o chan deixase de existir debaixo dos meus pés... Cando volvín á realidade estaba no mesmo lugar.

-Xa está, agora poderás ir vela máis non poderás saír de aquí... Agora terás que coller ó teu cabalo e ir pola beira do lago ata o anoitcer, atoparala alí.
Agradecinlle á señora todo o que fixera por min.

Cabalguei toda a tarde sen descanso e cheguei a donde me dixeran antes do que esperaba. Fun camiñando moi amodo ao lugar indicado e....alí estaban todos... Alí estaba Ela...

Nada máis verme levantouse e veu correndo, abraceina con forza. Permanecemos así ata que a presidenta dixo:

-Formarás parte disto así que Ela xa che explicará todo. Irvos agora creo que teredes moito do que falar.

Afastámonos e volvina a abrazar, non me dera conta do que a botara de menos ata entón.

- Xa non terás que explicarme nada, xa o entendín todo, con que o libro que che había posto triste...

Ela sorriu e só dixo:

-Grazas, grazas por vir.

1 comentario:

  1. Aínda que un pouco longa a historia, da gusto lela y que mal cando remata... Grazas, grazas por tela escrito.

    ResponderEliminar