30.9.09

A PRAIA DOS AFOGADOS

Gústanvos as series americanas de detectives? Pois facede chegar ás vosas mans a novela de Domingo Villar, A praia dos afogados.

Este libro tivo moi boa crítica. Con el mergullámonos nas augas das Rias Baixas para indagar que lle ocorre ao Rubio, mariñeiro de Panxón que aparece morto na Praia da Madorra. A transparencia do título anticípanos a figura dun inspector, Leo Caldas, que indaga co seu equipo de axudantes (ao máis puro estilo CSI Panxón) como se afogou o personaxe.

O máis curioso de todo é que nun principio o principal sospeitoso é o pantasma do capitán Sousa, que morreu fai máis de 10 anos no naufraxio do Xurelo, barco no que traballou o Rubio. E o sorprendente é que a investigación non só vai proporcionando pistas sobre o caso, senón que nos permite descubrir os problemas vitais das personaxes e de determinadas clases sociais que deambulan polas 500 páxinas.

Nesta novela de xénero negro atopamos suspense, por suposto, algúns tópicos galegos, unha homenaxe ao mundo do mar e do viño e sobre todo á paisaxe galega. Coa lectura desta novela chegamos a cada recuncho das aldeas e vilas de beiramar (ex.
Aguiño) dende Baiona ata a Ría de Pontevedra. As liñas semellan sendeiros que nos levan dereitiños a Monteferro e dende alí divisamos as Illas Cíes, Ons, Estelas; o Cabo Home, A Serra da Groba, a Praia América, Ladeira e a da Madorra entre outros moitos fermosos lugares desta zona de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario