Gunnar Huttunen, un muiñeiro cun costume raro para os seus veciños da Laponia: gustáballe ouvear polas noites ata o punto de poñelos histéricos.
Porén, a súa intención é simplemente expresar a súa tristeza ou felicidade. Polo demais un home normal e traballador que por ser diferente é marxinado e marcado polos mandamais do lugar. O médico non para ata certificar que está tolo e que deben encerralo nun manicomio do cal consegue fuxir para voltar ao seu muíño a carón do rio Kemi.
Tan só a asesora agrícola, da cal acaba namorando, será quen de ver ao ser doce que se agocha tras o gran Gunnar. Si, parece a historia de amor da princesiña fermosa e a besta.
Os demais perségueno día e noite polo monte, como se fose un animal, mesmo chaman ao exército.
A lectura desta novela de 269 páxinas de Arto Paasilinna levaravos a reflexionar sobre un tema moi delicado: que é ser raros ou diferentes? Acaso non o somos cada un de nós a nosa maneira? Eu penso que si. Pero resulta un pouco incómodo todo o que sexa diferente e enriquecedor cando os esforzos da nosa sociedade se encamiñan cara a igualación e globalizacíon. E non pensemos nunha sociedade xusto despois da 2ª Guerra Mundial atrevéndote a desafiar ás autoridades uo a despuntar porriba deles, como fixo o noso heroe.
Un pouco volvemos cara atrás e as clases dirixentes loitan por ter cada vez máis poder grazas a quitárllelo ao pobo, a marxinalo. Quizais nós tamén estamos tolos por crernos libres, diferentes, unha cor máis que pinta o mundo... e se non o estamos queren facernolo estar... o mesmiño que a Gunnar... mais o noso heroe consegue a liberdade e vingarse dos seus perseguidores. E nós? Conseguiremos a nosa liberdade outra vez?
Ningún comentario:
Publicar un comentario