Neste verán apático no que non hai clases de baile, no que non hai vacacións coas rapazas, no que non hai viños en Ourense... parece como se a miña dorna ficara lonxe da quentura da area da praia da Lanzada ou de Areas e devecendo polos aloumiños de cada vaga que vén e vai arrolandome.
Quedei varada en tardes longas de lecturas dispares que chegan ás miñas mans e sen un norte claro. Aínda que gozo con cada liña que me permiten viaxar polas rúas de Barcelona, con Ruíz Zafón; por Marrocos, con “Tiempo entre costuras” ou polos montes dos países nórdicos con “O muiñeiro ouveador” faltame actividade, as risas cos rapaces e as carreiras para riba e para abaixo no centro.
Porén hoxe rachouse esa monotonía e achegueime ao bacelo de meu pai. Coma cada verán son a encargada de mudarlles ás cepas o traxe de inverno para deixalas a escarrola, máis lixeiras e atrevidas, ensinando cada vago coquetamente para que o sol morno das tardes de verán vaian dourando pouco a pouco a súa pel. Nas abas do monte de Penacova fican estantías as cepas do bacelo de Lagar Romasanta, ben á raxeira, doentes de calor, mais tamén dunhas pingas refrescantes que enchan de zugo e engorden os acios que este ano naceron tarde por falta auga. Están aí quietiñas, en ringleiras, ordenadiñas e mirando de enxergo cara a vila de Allariz.
Ás que son traballadoras tanto lles dá traballar nos Institutos coma nos bacelos. Que contentiñas quedarían as cepas coa túa visita! E xa non che digo os acios, que quedaron preparados para madurar.
ResponderEliminarObrigada polo cumprido!!! É un pracer andar pola viña, dáme moita envexa a xente que ten hectáreas de viñedo, nos temos unhas cantas cepas para consumo propio. Pero o certo é que non me importaría ter unha gran adega de albariño mirando cara o mar, a miña debilidade!!! E aquí en Ourense pois ímonos apañando, pero mar, mar, aínda non!!!
ResponderEliminarGoza co que queda de verán.
Un saúdo.