24.12.12

LENDO DRAGAL

Da web dragal.eu
A triloxía de Dragal é moito máis ca unha viaxe fantástica ao mundo dos dragóns e todos os poderes que a escritora lle quixo atribuír. 

Se fiamos máis fino podemos descubrir boa parte da historia de Galicia dende os primeiros séculos ata a Idade Media. Son moitos os elementos históricos, pero ben dosificados e sen relentizar a lectura,  que nos dan acceso a este coñecemento: os cabaleiros da Orde de Dragal (ou de Santiago), as orixes do reino Suevo e a adoración pagá a un ser máxico e todopoderoso: o dragón, a chegada do cristianismo e  da evanxelización (Martiño Dumio), a morte e traslado dos restos do Apóstolo Santiago, o papel da Raíña Lupa na historia de Santiago, asistimos a clases de alquimia, arquitectura, astronomía, medicina, ou relixión (con todos os detalles sobre a data de celebración e o culto na Semana Santa) e ficamos sorprendidos unha vez máis do papel decisivo que xogan as mulleres en moitos momentos importantes da nosa historia sen perder o fío da lectura. 

Hai algo especial neste libro que nos ten cativos, as ansias de saber máis cousas da historia de Dragal, pero tamén da nosa historia. A conto disto, penso que aínda podemos ler o libro cuns lentes diferentes e interpretar a homenaxe que a autora fai ao dragón, un ser diferente, que foi perseguido e dominado ata case facelo desaparecer, como unha metáfora da nosa cultura. Hoxe máis ca nunca a nosa marca de identidade cultural, a nosa lingua, fica perseguida en silencio. Esta é a ferramenta máis poderosa, o silencia, a indiferencia, en Galicia poucos defende o noso, ese algo especial que nos caracteriza. Unha vez máis ficamos sometidos e encadeados como Hadrián dentro do seu cuarto, sen forza para pronunciar palabra, sen alento nin enerxia para expresar o que sentimos. Parece que tiveramos a pel impregnada co zume da submisión milenaria que vivimos dende a Idade Media e da cal non acabamos de desprendernos. 

No libro fálase de como a igrexa intentou desfacerse de todos aqueles símbolos que caracterizaban a cultura pagá que os nosos antergos defendían, porque os crían seres diabólicos. Pero a pregunta é esta: credes que conseguiron liberarnos dese “inferno”, como di don Xurxo ao referirse ao templo de Dragal e ao subsolo? 

Eu creo que no noso mundo segue habendo seres diabólicos ou monstros, moito máis poderosos que os das lendas e sobre todo, máis reais e daniños para todos nós. 
Moita xente fica perdida no labirinto da vida, pero desta vez non hai ningún nobelo máxico nin ningún puñal máxico que nos axude a vencer á besta e saír do xogo de carreiros.

Persoalmente o final decepcionoume, debe ser porque fico decepcionada na vida por moitas cousas ou porque a mentira me produce indixestión e anoxo. Como permanecer inócuos ao veleno da falsidade, da arrogancia e da falta de sentimento da xente coa que te vas cruzando ou que tenta dirixir este país? Está difícil, e como anuncia Elena Gallego na súa novela un novo tempo é chegado ou como din os maias a fin dun mundo é chegado.

1 comentario:

  1. Paseime polo blog e encontrei isto, gustame bastante esta descrición, teño que compralo, grazas polas recomendacións que tes no blog.

    ResponderEliminar