1.5.11

Comedia bífida


O trama da Comedia bífida, texto de Manuel C. Núñez Singala, recrea o Xuízo Final que se celebra nun local nocturno con ambiente de cabaret, San Pedro xulga os mortos galegos segundo o uso da súa lingua que fixeron en vida.

Na obra, Lucifer, o fiscal, fai honor ao dito de que "Deus é bo pero o demo non é malo", mentres San Pedro xulga os acusados coa axuda dos anxos, os cales representan varios tipos sociais segundo a súa actitude cara á lingua galega: a dos galegofalantes que educan os seus fillos en castelán; a dos que viven no rural e empregan no seu contorno o galego pero mudan ao castelán nas súas relacións coas persoas de maior status social como o médico, segundo a típica actitude diglósica; a xente nova que vive de costas ao galego por crer que non lles dará prestixio no seu ámbito de relacións, e a dos que se declaran bilingües pero están instalados na diglosia.


Humor, ironía, sarcasmo, crítica e autocrítica marcan este espectáculo. O texto, de Núñez Singala, foi publicado en abril de 2007 por Galaxia dentro da colección Costa Oeste.

O autor, cuxa voz está representada na obra a través de Lucifer, é escritor, filólogo e director do Departamento de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela. Inspirou este texto dramático nun sketch da montaxe Bicos con Lingua de Talía Teatro.



Lim: OS ALIMENTOS

Este Lim ten exercicios para traballar os nomes dos alimentos que podemos atopar no mercado.
Ben podería empregarse con ese alumnado de 1º da ESO que acaba de chegar ao centro procedente doutra comunidade ou país.
No índice da segunda páxina figura un enlace ao Dicionario Visual onde aparecen máis exercicios para seguir xogando co nome das cousas.



PROXECTO XOGAMOS

Este é o meu primeiro xogo que fixemos no curso de LIM. Entretido e para alumnado de fóra porque é moi doado. A XOGAR!!!!



30.4.11

27.4.11

LETRAS GALEGAS 2011


Poñémonos a traballar con Lois Pereiro e aquí está o material que ofrece a Coordinadora para achegarnos ao autor homenaxeado este ano. Preme no enlace para chegar ás actividades.


Moi interesante!!

Entrevista Lois Pereiro.

21.4.11

Lois Pereiro

Grazas Xoán!!! De verdade que é ben fácil xuntar os videos nunha lista de reprodución. Aquí deixo algúns sobre Lois Pereiro para non ter que andalos buscando. Con todo, hai tanta información que sei que faltan cousas.



Agora déixovos un documento que me enviou Mar no cal se recolle todo o material que se publicou relacionado con Lois Pereiro e o Día das Letras Galegas 2011.

FALANDO DE EMIGRACIÓN

Hoxe en día, a inmigración é un dos principais "problemas" da nosa sociedade occidental. E é que só fai falla pór algunha tertulia política na TV ou na radio, ver algún mitin electoral, ou escoitar a típica conversación de "Eu non son racista, pero..." para darse conta.

Occidente está cheo de prexuízos, dende EE.UU., onde se fan gardas na fronteira con México para disparar aos inmigrantes ilegais coma se se estivese xogar a tiro ao prato, ata Suecia, onde a extrema dereita por primeira vez na súa historia ten representación parlamentaria. E en España, que ata hai pouco era un emisor de emigrantes pouco cualificados e que agora sofre unha "fuga de cerebros", non é diferente.

Como noutros países europeos, os inmigrantes procedentes do Leste de Europa, especialmente Romanía e Bulgaria, ou do norte de África, coma Marrocos, que acostuman ser pouco cualificados, téndese a facer un discurso, tanto político coma social, moi duro e de rexeitamento. E non é de estrañar que algún Presidente da República expulse a xitanos búlgaros e romaneses, que casualmente pertencen á mesma asociación de países ca el, ou a tunecinos que fuxen dun país que sofre revoltas e hai inestabilidade política. E é que xa sabes, se che vai mal nas enquisas ou hai eleccións cerca, infunde medo á sociedade e di que vas "limpar" o país de inseguridade e espera a que chovan os votos. E por moitos informes do CIS que digan que os inmigrantes acoden menos ao médico que os españois ou que nós cometemos máis delitos ca eles, seguiremos crendo que os inmigrantes son un perigo.

Rodrigo Durán Rodríguez

18.4.11

LIM_2

Un novo lim, desta volta sobre acentuación e para primeiro curso da ESO.






Esta ferramenta paréceme moi interesante pero non sei que pensades os que andedes a fedellar con ela. Eu creo que o peor é o tempo que tardas en atopar as imaxes axeitadas para crear as actividades.

11.4.11

O TESOURO DAS ÁNIMAS

A escritora, CONCHI REGUEIRO, visita o IES Pazo da Mercé o 9 de maio. O alumnado de 2º da ESO está oca tarefa de lectura desta obra fantástica.

Esta obra, dirixida a rapaces e rapazas a partir dos 12 anos, na que se mestura a tradición histórica e a máis avanzada tecnoloxía, sitúanos en Ponterrubiáns, unha vila imaxinaria, onde viven Natalia e Guillerme, compañeiros de clase no instituto da vila, protagonistas dunha intensa aventura na que, a partir dunha enigmática clave atopada nun peto de ánimas do lugar, tentan resolver coa axuda dun videoxogo de última xeración e dalgúns dos seus mellores amigos e amigas unha vella lenda da súa vila na que se dicía que un bispo do século XVIII agachara un tesouro non atopado aínda, e tamén a misteriosa desaparición da profesora de Historia.
"O tesouro das ánimas" é un magnífico paso adiante de Conchi Regueiro dentro do mundo da literatura infantil e xuvenil, mostrando unha gran seguridade na elaboración dun historia na que se entrecruzan personaxes ben debuxados e diversas situacións que se resolven de forma críbel nun final que invita a ese aplauso infantil que dabamos nas tardes de domingo nos cines cando o heroe ou heroína da película vencía "os malos".