24.3.10

Ser lingua non é fácil

Bos días, chámome Bócila e son a lingua dos bicos. Fálanme os beizos. Cando os beizos se moven estanme falando. Cando alguén se dá un bico, eu crezo máis e máis. Nacín cando naceron os meus falantes, coma todas as linguas. A verdade é que son un pouco gordiña de máis; sempre, sempre levo sombreiro e visto con vestidos de flores. Agora son enorme porque as persoas se dan bicos a diario, pero había un tempo en que os beizos deixaron de falar, volvinme máis pequechiña e estiven a piques de desaparecer por completo.
Agora estou moi feliz porque hai moito amor no mundo.

FARA LÓPEZ BECERRA(1º ESO B) IES David Buján (Cambre)


Ola, o meu nome é lingua 1000, pois nacín hai mil anos nun país onde me tiñan de boca en boca, polo ben que caín e estas xentes que me adoptaron nun recuncho do mundo tal como son: desperta, intelixente, agarimosa, educada ou maleducada dependendo do día e o momento. A verdade é que todos me trataron moi ben e aprendín moito deles.
Recordo cando os mestres: Rosalía, Castelao, Pondal, Curros Enríquez e tantos outros me ensinaron a bailar e a ver a miña terra dun xeito máis emocionante. Cando me facían dar pasos tan ben axeitados, que os airiños, as fontes e carreiros que tomaba como acompañantes me levaban sen un traspé, foi moi difícil non namorarme deles.
Co paso do tempo o meu xefe Maccerebro, decidiu poñerme dúas escoltas de por vida: a Tracocastellano e a Tracoinglés dous mozos altos, fortes, ben parecidos e que non me deixan nin a sol nin a sombra. Cando me encontro con vellas amigas e nos poñemos a falar, estes dous expertos en artes marciais deféndenme con "esta boquita es mía" ou "would not do you stranger". A verdade é que me fan sentir un pouco incómoda, pois boto de menos aqueles tempos de antano onde o baile e a festa rachada sen intrusos me facían perder o sentido.

Juan Bouzas - ESA - IES David Buján



Antes de vermos a exposición "Ser lingua non é fácil", imaxinamos que eramos unha lingua e Fara imaxinou que era a lingua dos bicos. Agora ti pasea pola exposición e despois pensa que lingua serías ti.

3.3.10

ORGULL@S DO GALEGO



Participade na campaña creando dende os centros os videos onde o voso alumnado exprese a súa opinión sobre a nosa cultura e a nosa lingua. Por que debemos estar orgullosos de ser galegos?



8.2.10

O FORMIGUEIRO

Aquí a primeira e única tiraxe deste singular xornal que elaborou o alumnado da ESA do David Buján. A verdade é que como a maioría dos que acoden á modalidade adulta da ESO, non son tan adultos, e como non paran de moverse como pequenas formiguiñas que van dun lado para outro, no podía ser outro o nome do noso xornal.


5.2.10

Subtitulando pola paz

Aínda que vai con retraso aquí vos deixo un video que subtitulou unha alumna de 2ºA polo día mundial da Paz empregando o DOTSUB. Moi bo traballo Nereida!!!

1.2.10

CONCURSO DE BANDA DESEÑADA









ANXO FARIÑA NO DAVID BUJÁN

O día 18 de xaneiro de 2010 o alumnado do IES David Buján recibiu un agasallo de Nadal moi especial. Grazas á súa profesora Mar Hermida foi posible que gozaramos da presenza de Anxo Fariña, autor, como todos sabedes dos MEGATOXOS.

O alumnado viu así recompensado o seu esforzo nos tarefas de lectura e elaboración de cómics que lles encargara Mar. Penso que dende o primeiro momento quedaron engaiolados por cada un dos trazos que debuxaba o autor, xa que os transportaba maxicamente ao mundo dos heroes que coñeceran uns días antes nos seus libros. É como se cobrasen vida e se lle achegasen e mesmo lle falasen da man do seu creador, Anxo Fariña.

O alumnado non deixou de recoller coas súas cámaras este momento tan especial para eles, o de pórlle cara á man que escribe esas historias que eles e elas len.








26.1.10

Deitado fronte ao mar

Que o mundo é plurilingüe non é nada novo para nós. Aínda que o noso alumnado ande un pouco perdido, a veces, e non reparen na riqueza lingüística e cultural que temos, nós xa nos decataramos disto fai moito, nós xa fai tempo que vimos destacando a importancia do inglés como lingua de comunicación internacional e como unha ferramenta indispensable para a promoción laboral fóra do noso país, igual que o dominio de cantas máis lingua mellor. Porén isto non significa que deamos as costas Á NOSA lingua, esa que nos viu nacer e a que nos permite ser especiais e diferentes.

Aí vos deixo unha versión trilingüe do poema de Celso Emilio.

Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

19.1.10

30 DE XANEIRO: DÍA MUNDIAL DA PAZ

Esta e outras moitas cancións e estas e outras moitas imaxes que cada día atopamos en calquera dos espazos que nos rodean fannos reflexionar se merece a pena seguir aceptando a violencia como algo normal nas nosas vidas ou se é "momento de recapacitar" e cambiar a forma de ser para vivirmos nun mundo mellor.

Nesta ligazón atoparedes propostas musicais para traballar o tema da paz dende o eido musical en distintas épocas históricas.