24.2.12

Rosalía de Castro


Hoxe, 24 de febreiro, celebramos os 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Como homenaxe á poetisa de Padrón déixovos o poema que máis me gusta da autora, xa que nel podemos ver os sentimentos máis profundos, amor polos fillos e odio cara unha sociedade inxusta, non moi afastada da actual na que, unha vez máis, os problemas dos "ricos" páganos os "pobres".

Facede clic no título e escoitade a marchosa versión do poema de Rosalía a man de NAO.

Grazas Xoan por todos os retallos de nós que
nós deixas nesta xanela. Bicos Mar polos grnaciños de area que fan a "casa" máis grande.

A xusticia pola man. Rosalía de Castro

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

Ningún comentario:

Publicar un comentario