31.1.17

O PENSAMENTO CRÍTICO...IMPORTA?

Estes días estamos reflexionando, algúns alarmados polos resultados do primeiro ciclo da ESO.

Pois acabo de atopar  este vídeo que para min é a peza chave dunha mudanza que temos que facer todos. No mestrado propuxemos este tema como proposta do traballo de investigación-acción nun centro educativo... parece que si que importa, verdade?

As persoas que escoitei estes días non sei se se decataron que a veces seguimos facendo cousas coma hai mil anos e aínda nos sorprende que os resultados non sexan óptimos!!! Por favor, se o alumnado fora só unha máquina de almacenar coñecementos sobre os que será avaliado, realmente non necesitaría vir ao cole, nin un docente que guíe o seu proceso de aprendizaxe. Creo que agora xa está claro por que non están motivados moitas veces, porque non lles ensinamos nada que lles interese, porque o ensino non transmite nada que sexa útil ou atractivo para eles, non conecta nin coa súa experiencia previa nin co seu medio.... ou así o ven eles, segundo o meu punto de vista, claro está.



30.1.17

EXERCICIOS DE XÉNERO E NÚMERO

Neste formulario déixovos algúns dos exercicios de flexión de xénero do libro Galego práctico na aula, de Beltran Carballeira.

Recorda que podes ir respondendo no mesmo blog, mais se decides abrir o arquimo no google dálle á icona de previsualizar (a que ten forma de ollo) para responder e enviar as túas respostas.


HOMENAXE A AGUSTÍN 1ª ESO

O alumnado de 1º ESO B despois de ler e rebuscar cousiñas sobre o noso autor, conseguiron artellar este panel onde recolleron algúns feitos da súa vida e algunhas das obras que leron ou teñen por ler.



Agora déixovos unha peqeuna explicación sobre Agustín que fixeron os colaboradores do Proxecto 21 Días co Gaelgo.

13.12.16

A VIAXE DE GAGARIN


O alumndo de BAC do IES Rafael Puga Ramón vai facer de detective. 

Quen sabe se algún chegará a ser o Holmes da novela de Agustín Fernández Paz que nos permite unha viaxe polas rúas e espazos emblemáticos da cidade da Coruña. 

Reto ao alumnado a tirar o maior número de fotos posibles que recreen o estado actual dos espazos de posguerra que aparecen na novela. Abofé que algún cambiou pero ben seguro que todos seguen no seu lugar!!! 

En canto vaides tirando as  fotos debedes abrir unha carpeta no voso Drive, con nome e apelidos. Nomeade as fotos co lugar que estades fotografando. E por último, subídeas ao mapa que comecei para vós. 

Recordade que debedes engadir un anaquiño da novela que fale dese sitio. 

Por suposto, podedes subirir todas as fotos que queirades. É moi importante que poñades quen fixo as fotos, xa que tedes dereito de autor/a sobre elas e quen editou o punto do mapa. 

 Aquí tedes a ligazón



Algunha Valoración do alumnado de BAC:

Lara Camiña

"A novela, ó meu parecer, é unha perfecta viaxe polos carreiros da memoria dos anos sesenta e é moi doado deixarse arrastrar pola levada lenta dese río que nos envolve e no que todo parece evidente, si, pero narrado con tal precisión que un ten a certeza de estar a estrear novamente eses acontecementos xa vividos por gran parte da nosa sociedade. É certo que, ás veces, non sei se na procura dun público máis amplo, ou nesa teima tan minuciosa de non deixar fíos soltos, Agustín cae na trampa do exceso de información. Quizáis para persoas de certa idade sexa repetitivo, mais talvez non estea de máis para os máis novos, que descoñecemos a realidade da España franquista deses anos sesenta nos que comezaban a chegar a moitas casas os primeiros frigoríficos, lavadoras e televisións e existía unha ditadura con órganos tan repulsivos coma o Tribunal de Orde Pública e a Brigada Político-Social, non sei. O que si sei é que estamos diante dunha fermosa novela, traballada nos detalles, no galego falado na época, na documentación, na recreación de atmosferas, e coa que Agustín se sitúa no lugar máis alto da nosa narrativa pola súa facilidade para apañaren as pantasmas dun tempo e darlles corpo cunha exquisita e estudada sinxeleza."

16.11.16

DRAGAL 2016-2017

O venres 11 de novembro comezou o contacto coas fraternidades de dragliñ@s deste curso escolar. 
Podedes localizalos neste mapa para non vos despistar por onde anda a maxia do noso Dragón.

LECTURA       REGUEIFAS          LENDAS          ARTE        HISTORIA     TOPONIMIA ACOSO   ESCOLAR          RELIXIÓN        TIC         CÓMIC        INTERDISCIPLINAR XOGO DE ROL    COLABORACIÓN      LINGUA GALEGA

 

4.11.16

ANIMAIS FANTÁSTICOS DOMÉSTICOS

O señor Ramón Lamote e as súas disertacións serviron de inspiración para que o noso alumnado creara os seus propios seres fantásticos.

Aquí vos deixo algúns dos máis enxeñosos.


19.9.16

VOLTA ÁS AULAS

Comeza o curso 2016-2017 con alumnado novo e coñecido e tanto uns coma outros conseguen sacar un sorriso e encher de ilusión as horas de traballo. 

Como fun dicindo este luns nas aulas, é importante que cada un/unha de vós marque unha meta (alcanzable, ollo!!! non me digades "quero que me toque a lotaría"), uns obxectivos polos que erguerse cada mañá e vir con ilusión e ganas de aprender algo novo para acadar o que vos propuxestes. 

Dende esta xaneliña anímovos a implicarvos cada día no voso proceso de ensino. O que pensades e dicides conta para nós. Colaborando entre todos conseguiremos medrar non só coa adquisición de novos coñecementos, senón medrando a nivel persoal no plano cultural e emocional, xa que vivimos rodeados de iguais e será importante aprender a convivir a través do respecto e colaboración.

Éxito a todos neste novo ano escolar.