20.1.14

Lendas, patrimonio máxico de Galicia



Cova da Serpe

Na parroquia da miña aldea, Santa Mariña de Langostelle, en Guitiriz, cóntase esta lenda:

No alto dun monte hai unha cova onde habita unha serpe de oito metros de longo. Cando saía a comer ía a uns  campos de alí cerca. Comía toda variedade de cousas: persoas, animais, cultivos, etc.

A xente de alí xa estaba cansa de que lle acabara con todo, cos seus cultivos, cos seus animais. Entón decidiron poñerlle un burro de alcatrán que a serpe tragou sen reparo dun bocado e, despois prendéronlle lume.

É por esta razón que a esa aldea lle chaman a cova da serpe.

Andrea Izquierdo (1º ESO)


 A Pedra da Serpe


Conta a lenda que nos pombais de Gondomil, non había nin unha soa pomba porque alí vivía unha serpe alada.

A serpe, todas as noites, saía e comía un home. A xente estaba moi asustada, temendo que foran os seguintes, pero un día pasou por alí Santo Hadrián co seu pau máxico e converteu a serpe alada nunha  pedra.

Aínda hoxe é coñecida a Pedra da Serpe situada en Gondomil, Corme, Ponteceso.

Laura Lema (1º ESO)
 


A Cruz de Santa Cruz de Aranga

Di a lenda que na fonte da Milagrosa de Santa Cruz foi atopada unha cruz de latón e que se trasladou á igrexa que se atopa enfronte.

Pero a cruz un día desapareceu do lugar e volveu aparecer  onde fora atopada. Isto ocorreu varias veces. Para evitalo, decidiron facer un monumento de pedra con dous canos por onde sae  a auga e , no medio unha imitación da devandita cruz. Dende aquel día a verdadeira cruz non volveu saír estrañamente da igrexa.

Dise que a auga da fonte de Santa Cruz é repelente dos insectos e algunha xente lévaa para evitar   que estes bichiños entren nas hortas.

Mencía (1º ESO)

 


 Feáns

O lugar onde vivo chámase Feáns e segundo conta a lenda este nome está relacionado cunha muller que vivía no lugar alá polo ano 1900. 

Esta muller era fea, fea, fea e chamábase Anselina. Vivía no medio e medio do lugar. E un día de moita calor, cando se produciu un terrible incendio na casa dun dos veciños, foi a única que tivo o valor a entrar para o socorrer para que non morrera alí dentro.

E por este motivo se lle puxo o nome de Feáns ao lugar.

Roi Viñas (1º ESO)

Ningún comentario:

Publicar un comentario