24.2.12

Rosalía de Castro


Hoxe, 24 de febreiro, celebramos os 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Como homenaxe á poetisa de Padrón déixovos o poema que máis me gusta da autora, xa que nel podemos ver os sentimentos máis profundos, amor polos fillos e odio cara unha sociedade inxusta, non moi afastada da actual na que, unha vez máis, os problemas dos "ricos" páganos os "pobres".

Facede clic no título e escoitade a marchosa versión do poema de Rosalía a man de NAO.

Grazas Xoan por todos os retallos de nós que
nós deixas nesta xanela. Bicos Mar polos grnaciños de area que fan a "casa" máis grande.

A xusticia pola man. Rosalía de Castro

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

Rosalía de Castro (1993). Follas Novas. (Vigo: Galaxia)

16.2.12

25.1.12

XOELIKI

O debuxante e deseñador gráfico Abraham Carreiro (foto de Blogger) e o cineasta, músico e poeta Maties Segura Rubio convídanvos a entrar no mundo dos xogos on-line e na vida do ciberpirata máis famoso neste intre, Xoeliki,

Despois de Xoelike. As aventuras dun ciberpirata, xa está a piques de saír o segundo libro deste rapaz ao cal lle encanta meterse en sarillos. Se queredes resolver algúns dos misterios que engaiola o libro só tedes que acceder á web facendo clic na seguitne imaxe.



11.1.12

CANTOS GALEGOS HAI?

As linguas non son compartimentos pechados, todo o contrario somon elementos de comunicación que están mudando constantemente cando os seus falantes a empregan para comunicarse.

Podemos dicir que dentro das linguas conviven variedades producidas por distintos factores.

a) Históricos: o que nos permiten diferenciar a variedade de galego que se usaba na Idade Media do da época actual.

b) Socioculturais (var. diastráticas): o que permite diferenciar diferentes niveis de lingua segundo o grao de corrección lingüística con que se expresen os falantes: cultos, medio, popular ou vulgar.

c) Situacionais (var. diafásicas): o que permite diferenciar as distintas maneiras de falar dunha persoa segundo a situación comunicativa na que se atope. Dependendo do tema, da intención ou da relación co interlocutor podemos expresarnos nun rexistro formal ou informal.

d) Xeográficos (var. dialectais): o que permite diferenciar o galego segundo a zona xeográfica na qu esteamos. A priemira distinción deixa ver que hai tres grandes bloques: oriental, central e occidental; pero se analizamos cada un deles atoparemos peculiaridades que nos levaran a distinguir areas máis pequenas con identidade propia como a lucu-auriense, a fisterrá, a tudense, entre outras. Para saber máis sobre os trazos de cada zona, ver algún mapas e escoitarou ler textos das distintas áreas remítovos as seguintes páxinas:


Outras variedades:

a) As linguaxes especificas: xergas (o barallete, lingua dos afiadores de Ourense, o latín dos chafoutas ou albaneis de Tui e Pontevedra, etc.) e linguaxes profesionais ou tecnolectos ( linguaxes con léxico específico como é a dos médicos, informáticos ou mariñeiros entre outros).

b) O estándar é a variedade común a todos os falantes modelo ideal para as situacións comunicativas formais cun nivel medio.

10.1.12

O VALOR DA OBRA DE CASTELAO

Cousa da vida de Castelao
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 28 de xuño de 2011, incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural e inmaterial en favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego.


6.1.12

S.O.S.

Fragmento de S.O.S. de Pepe Carballude: a Lenda que explica a visión que tiñan os antigos do decorrer dos días e das noites. Fermosa historia.

"Explicoulles que se trata dunha lenda moi antiga, segundo a cal, BALL, o sol, é un poderoso señor que cada día percorre os seus dominios nun carro tirado por cabalos que ceiban labaradas de lume polas ventas. Así infunde calor á terra, vida ás plantas e vivifica todo o que está baixo a súa atenta mirada. Máis, cando está canso, á tardiña, é asaltado silenciosamente por seu irmán, NOX, decote vestido cunha capa moura. Este dálle morte a BALL e, esgazando o corpo fraterno en anacos pequenos, enceta un reinado de igual duración.
(...)
Daquela, GLEN, a lúa, esposa de BALL, abatida, chora a perda do seu marido e, coa axuda das estrelas, as súas bágoas brillantes na negrura do reino de NOX, sae á procura dos restos do seu home. Unha vez apañados todos, BALL reencárnase noutra volta máis para repetir con anovada forza o seu labor diario."


5.1.12

A través do blog de Rosa Salgueiro cheguei a estoutro blog sobre As vangardas, unha UD da AELG  Feito por Pilar Ponte, A Profa, moi interesante para as aulas.  Bo traballo.


Pilar Ponte.

De catro a catro, poemas explicados na páxina de o galego.eu

CANTO SABES?

Aquí descarga o exercicio que sinala a frecha.

Para o alumnado de 4º da ESO aí lles deixo un
reto. Tedes que acceder á páxina do IES Otero Pedrayo e facer clic no xogo que ten preguntas sobre O grupo Nós. A ver como andades de coñecementos e a ver canto aprendedes desta.

Boa sorte!!

FALECE ISAAC DÍAZ PARDO

Retrato de Isaac Díaz Pardo por Vítor Mejuto
O berce do galeguismo de Risco, Cabanillas, Castelao... vai quedando orfo. Hoxe faleceu con 91 anos Isaac Díaz Pardo, intectual galeguista e artista con maiúsculas que buscou sempre dignificar a nosa terra, quizais aguilloado pola inxustiza do fusilamento de seu pai, Camilo Díaz Baliño, a mans dos fascistas.

O seu ollar limpo e sinxelo e o engado da súa voz dan conta da gran persoa que foi Isaac e da súa modestia. Todos sabemos que se consideraba un fracasado, pero as mostras de cariño e recoñecemento neste día tan sinalado apuntan cara o lado contrario. 

Recoñecementos e distincións que lle chegaron de diferentes intitucións sempre para recoñecer o seu traballo como ensaísta, crítico, pintor, deseñador e empresario. Moitos de vós seguro que posuídes unha das pezas da cerámica de Sargadelos na que deixou a súa pegada enfeitando as distintas pezas con motivos da arte románica galega e do pobo galego en xeral.


Para o segundo trimestre están programadas as seguitnes lecturas para o meu alumnado do IES de Mos.
  • 1º ESO: Xosé A. Perozo, Camiño de fantasía. Ed. Sotelo Blanco. Collección Xuvenil.

  • 4º ESO: Pepe Carballude, S.O.S. Ed. Galaxia. Colección Costa Oeste.

O alumnado coñece a posibilidade de ler outros libros optativos que poden subir a nota 0,5 (sempre que superen o 5 e nun máximo de 1 punto por avaliación). Para isto debedes falar comigo. No caso de primeiro da ESO hai unha listaxe ampla na cal podedes mergullarvos para escoller outras lectura e que tedes ao voso dispor na Biblioteca do centro.