29.8.10

La sombra del viento




Cando as vacacións de verán se reducen a sol e praia o máis interesante que se pode facer é acompañarse dun bo libro. Este verán o meu compañeiro de viaxe foi La sombra del viento, de Carlos Ruíz Zafón, xa que mo recomendou unha amiga.
Aínda que tivo que sufrir o atropelo dalgunha onda rebuldeira que a iso das 7.30 da tarde se lle daba por brincar máis arriba da liña do litoral. Poren, sobreviviu e mantívome entretida e de viaxe polas rúas dunha Barcelona enigmática.

A pluma estilográfica de Victor Hugo son o elo da cadea que une o presente e o pasado nesta novela que fai que os personaxes de ficción e os reais se mesturen no mesmo plano ata o punto de usurparse identidades.

A descuberta do libro La sombra del viento, no cemiterio dos libros esquecidos, leva a Daniel a mergullarse nunha investigación trepidante sobre o autor daquel exemplar. Iso será a escusa perfecta para que os múltiples narradores cos que vai contactando nos fagan chegar a vida dos distintos personaxes, que tiveron que sobrevivir aos difíciles anos da guerra, á ditadura de pais despóticos ou ao caciquismo dunha sociedade deturpada que non se afasta tanto do presente no que vive o protagonista.

Hai moitas frases que podía destacar desta novela, pero quedo cunha que me recordou á lectura de facultade do Triángulo inscrito na circunferencia, de Víctor Freixanes, que tantas veces levo relido e que se agocha na gabeta do meu escritorio.

“ _Yo creo que nada sucede por casualidad, ¿sabes? Que, en el fondo, las cosas tienen su plan secreto, aunque nosotros no lo entendamos. Como el que encontrases esa novela de Julian Carax en el Cementerio de los Libros Olvidados, o el que estemos tú y yo ahora aquí, en esta casa que perteneció q los Aldaya. Todo forma parte de algo que no podemos entender, pero que nos posee.”
La sombra del viento

“Nada xorde da nada nin por un casual . A casualidade non existe. As cousas estábanse a cocer dende había moito tempo. Detrás de cada suceso hai sempre una historia. Unha relación de causa efecto, e se a veces non acertamos a explicar acontecementos que nos sorprendan, non é porque o azar ande no xogo, é porque a nosa razón non vai aínda máis alá, porque aínda non acadamos o necesario nivel de coñecemento..."
O triángulo inscrito na circunferencia.

6.8.10

A XEIRA DAS ÁRBORES




Na liña do seu discurso feminista, Teresa Moure preséntanos nesta novela a unha muller que fica pendurada ao bordo dun precipicio, coma unha desas árbores que está continuamente desafíando a gravidade, pero que grazas ás súas fortes raíces logra soportar treboadas e vendavais facéndose cada día máis forte.


Clara, unha muller solteira, con tres fillos e tradutora, debe deixar o seu traballo na editorial para traballar dende a súa casa e coidar dos pequenos.


Asistimos nestas 127 liñas ao decorrer dun día na vida de Clara. A escritora fai que a protagonista baleire, neste pouco tempo, o seu pensamento nun longo monólogo interior dende o cal nos conta a historia da súa "vida".


Inspirada polo filósofo que está a traducir, Humboldt, e inspirada pola súa teoría sobre o amor, Clara revisa a súa historia. Cóntanos que pensa ela do amor e como foron as relacións que mantivo cos pais dos seus tres fillos.


Sorprende a forza da protagonista para sacar adiante unha familia e, sobre todo, a ela mesma. Forzas que parecen frouxear cando chega a noite, deseperada por non dar durmido, colle a tableta de pílulas e toma a primeira porque necesitaba realmente descansar. Non o conseguía e a súa idea era conducir durante un anaco polas estreitas rúa que formaban as ringleriras de somníferos... pero a luz da alba descóbrenos a unha muller nova, que soubo coller as curvas desa autoestrada e evitar as fochancas, para comezar un día máis a súa vida.


Cantas mulleres árbore coñecemos? Pois non deixedes nunca de regar as raíces desas arboriñas para que sigan fortemente amarradas á terra, á vida!!!

5.8.10

Sorriso de Lúa

Grazas a Mar por animar a este grupo de rapazas de 1º da ESO, Sara, Lucía, Helena, Ainhoa e Lucía, para que nos puxesen os pelos coma os do ouizo cacho cada vez que viñan a ensaiar ao departamento.
Cos temas que tedes no reprodutor, Sorriso de Lúa participou nun certame musical o día 15 de abril de 2010 e conseguiron un merecidísimo 4º posto. Rapazas estivo xenial, cando naza a miña sobriña poreille o voso arrolo para que o escoite.
Deixo o enlace á revista do centro no cal se recolle a noticia.

Get this widget Track details eSnips Social DNA

NA SOLAINA



Cada vez estou máis convencida de que me gusta ser una persoa que se emociona, porque só así se pode gozar coa lectura dun libro coma o de David Vázquez Álvarez.

Esta prosa mol, donda e serena que sae da pruma do autor fai que nos mergullemos na vida de Ana, una velliña nada a comezos do século xx, que devece por estar co fillo da muller do servizo. Porén, as prohibicións do pai, primeiro e a marcha do rapaz alén mar na busca dun futuro mellor, despois, fan que a moza abandone a aldea da Ribeira Sacra, á cal regresa agora, tras vivir corenta anos na fermosa cidade da Coruña.
Quizais ese accidente que lle produciu a rotura do pé fose tan só a escusa perfecta para chegar de novo ao fogar dos maiores que construíron para a xente do lugar na aldea que a viu nacer. Dende a solaina do edificio os seus húmidos ollos albiscan cada un dos recunchos daquel fermoso val facendo que os seus recordos se espreguicen: o pazo familiar no cal coñece ao Rabizo e no que tantas veces discutiu co seu pai ou irmán maior; o regato, testemuña dos encontros ás agachadas dos mozos que tanto amor sentían, ou as serras que acubillaran no seu ventre ao mozo e ao seu amigo Pepe, fuxidos durante os anos da Guerra.

Ana, co decorrer dos días vai conversando pouco a pouco coa súa enfermeira, Diana, que tan ben sabía tirar do nobelo durante os longos paseos que daban por recomendación do doutor. A velliña presa da dor que lle producían as lembranzas que se amoreaban como á saída dun túnel na procura da luz, aconsella así á pequena: “…todos somos prisioneiros das nosas decisións, das nosas lembranzas, dos nosos erros (…) O que pasou xa foi. Non podemos volver atrás no tempo. Os rotos da alma non se poden remendar”.

Mais desta volta trabucábase con aquel consello. Quixo a vida que todo o sufrimento daquela mociña e desta velliña, que debruzada na solaina da súa vellez enxergaba os duros recordos do pasado que gardaba naquela caixiña de madeira, tivera un final feliz.

Merece a pena loitar aínda que Ana pensase “que a vida sempre gaña, miña pequena”, para agora mirar nos ollos do Rabizo a luz daquel amor que nacera cando aínda eran nenos e ían xuntos á escola. Agora, eran libre por fin e agardábaos toda unha vida xuntos.

Os elos que forman a cadea temática desta novela, malia seren coñecidos para todos: a Guerra Civil, os asasinatos, o caciquismo, o despotismo, o machismo, a diferenza de clases, a falta de liberdade, o amor, a emigración, os campos de concentración… combínanse de tal forma que o autor fai que non caiamos no aburrimento. As continuas viaxes que a velliña Ana e os demais personaxes fan dende o presente cara o pasado, fai que camiñemos cara outras lecturas como Agosto do 36, recordando a fuxida polos montes ourensáns de Manuel; O neno do pixama a raias, ao lembrar as chemineas que liberaban de forma tan atroz as persoas que estiveran alí prisioneiras, ou as escenas do filme A mariñeira, entre outras moitas que podiamos citar.

Sexa como for, as bágoas acudiron en varias ocasións aos meus ollos ao sentir todas esas emocións que moven aos personaxes desta novela: como evitar non sentir o medo dun neno de 16 anos partir cara América, ou medo ante a carraxe que sente o pai de Ana ao velo co fillo da criada, ou o medo do Rabizo a participar nunha guerra que non era súa matando a xente inocente, a emoción de Sara cando ve regresar ao fillo mozo da Habana, a tristeza do Rabizo no porto da Coruña lembrando que non se podía despedir de ninguén, nin de Ana, o amor que desprendían os olliños de Ana cara o seu namorado ou o desexo e ilusión de ser libres por fin e poder estar xuntos para sempre. Todas estas emocións e outras tantas máis e o suspense que a protagonista lle pon ás súas verbas fan que prendamos na lectura, que fiquemos neste fermoso lugar dos canóns do Sil un anaco máis, como fixo a enfermeira, malia ter unha boa oferta de traballo na cidade, porque desexabamos saber cal era o desenlace daquelas vidas. Grazas á súa curiosidade a historia vai medrando a pouquiños e os flashback son continuos, pero ao final logramos descubrir que os soños a veces tamén se fan realidade.

NA SOLAINA da casa vella da miña avoa, á sombra da figueira, escoitei moitas historias da boca dela e de miña bisavoa . Quen se resiste a NON SOÑAR!!!!!
Agora, miña bisavoa, dende hai moito, e miña avoa, dende un ano e medio, xa non están. A vella figueira xa foi substituída por outra máis nova. E, aquela cativa que soñaba, cando agora sobe á solaina, sabe que os soños se fan realidade só en novelas coma esta.

27.7.10

TERMAS OUTARIZ


De volta en Ourense non está de máis facer publicidade dun dos mellores lugares de lecer da cidade: as termas en Outariz ou na Chavasqueira. Non vos minto se vos digo que en Allariz a iso das 5.30 e co coche á sombra ó carón do río a temperatura era de 35 graos, ao mellor de día non é o mellor momento para gozar delas, pero un baño pola noite combinando auga fría e quente está moi ben. E quen dixo praia, hahahahaha!!!

Ourense terra meiga



Paseo por Ourense

Día da Patria Galega

Hoxe Xoan convidoume a ver os cambios en Son de Poetas e vin a Rosalía no centro do blog.
Iso recordoume ao recitado que fixo Teresa Devesa na festa do día 24 pola noite que se celebra todos os anos na miña parroquia, Santiago de Folgoso.



Uníndonos á homenaxe á nosa poetisa a concelleira recitou o poema da "Xustiza pola man". Se premedes no enlace ao blog antes citado podedes escoitedes unha versión moi movida deste poema de Rosalía.

Grazas Xoan, moi bo traballo!!!

15.7.10

ORGULLO@S DO GALEGO

Despois de estar unha semana traballando con Linguas cruzadas e montarmos unha exposición no corredor do centro coas frases "celebres" deste documental sobre a situación actual do galego, un grupo de alumnos e alumnas de 2º ESO B do David Buján fixeron o seguinte video.

Podería dicir aquilo de "mensaxe recibida". Non sempre falamos para as paredes. A experiencia foi positiva, os mozos/as falaron máis galego no último mes ca todo o ano.

Conclusión: esta actividade é de comezo de curso!!! Anímos a todos a achegarvos a ela.


2.6.10

UXÍO NOVONEYRA

Aínda que vou con demora, aí van os traballos do alumnado do IES David Buján de Sigrás, Cambre.

Dende a creación literaria, ata xogos, debuxos e recitados poéticos todo serve como dinamización lingüística. Non deixedes de traballar nesta liña porque conseguimos que nenos/as totalmente desmotivados na aula normal se puxeran a recitar e ler poesía, por exemplo.

Grazas a todo o alumnado por participar e a todos/as compañeiros e compañeiras por axudar coa montaxe das actividades. Moi bo equipo de traballo. Magoa que o curso remate.

AS GRAVACIÓNS




OS DEBUXOS.



OS XOGOS

7.5.10

CONVERSAS CO VENTO

Grazas Mar por facerme un agasallo tan fermoso. Desque nos liches na aula o conto da máquina, penso que todos nós estamos máis animados co tema da interpretación de textos literarios. Aínda que a que fixen eu non é todo o brillante que merece o conto, escollín Corazón de Pedra para ler porque se algo está claro é que non temos o corazón tan forte, para a nosa desgraza!!! Digo desgraza, porque parece que a sociedade na que vivimos tivese por febles a aqueles que amosan a miúdo os sus sentimentos. Mais, eu prefiro ser feble e demostrar o meu cariño cara as persoas que me rodean que un ser acoirazado, que non fondo non deixa de sentir tamén e sen ter oportunidade de que ninguén saiba como é realmente.
Espero que che guste.


Get this widget | Track details | eSnips Social DNA

As funcións da oración

Deixo aquí a presentación-remuso dos temas de lingua que falan das funcións da oración, para 2º ESO